Na burbulla europea levamos varias xeracións de inexperiencia guerreira. Sabemos da guerra por películas e libros, pero non cheiramos o seu fedor. Permitímonos seleccionar que guerras silenciamos e que guerras amplificamos. Miramos de arriba a abaixo as “sociedades aínda guerreiras”, esas que non acadaron o noso “nivel de civilización”. Pontificamos sobre as guerras dos outros. Mesmo tendemos a esquecer que eses “outros” non son necesariamente eritreos, vietnamitas nin congoleses, senón que son, eran, os nosos avós.

Na propaganda do “mellor dos sistemas posibles” vannos guiando para escoller que agresións militares son xustas e inxustas, que invasións son tolerables e intolerables. Invadir e anexionar o Sahara, ocupar e masacrar Palestina, agredir o Iemen do Sur… son cousas aceptables. Marrocos, Israel e Arabia Saudí son amigos do imperio americano. Hai un muro de silencio, de “realismo”, de “real politik”. Non vemos mulleres preñadas coa cadeira rota saíndo a berros dun paridoiro bombardeado. Pero habelas, hainas, fixo.

Despois, hai certa esquerda na que sobra esquematismo. Contra a OTAN vivíase mellor: Otan non, bases fóra… Estaba ben. Cumpría reforzar o desarme, a cultura da paz. E segue estando ben. Na medida do posible. (Velaí: cales son os límites da posibilidade dunha paz mundial e perpetua?). Esquecemos de contado: a ll República, a invasión dos Sudetes e Polonia polos nazis. O pensamento simple non serve en situacións complexas. Gobernar está cheo de grises, de males menores. Como a realidade mesma.

E logo está o “misterio do mal”, ben misterioso para quen vive ben ou moi ben. O mal existe, seica. Hitler foi real, como Franco, Stalin e Bokassa. Os pobres do mundo están máis familiarizados con el, os nosos avós e avoas tamén. Ai, a maldade! -a psicopatía con poder militar, se preferides-, que nos vén alterar o noso pacifismo esquemático. Porque o de Putin foi un desafío: Si, vale, Putin é un autócrata. Si, de acordo, manobrou para perpetuarse no poder. Si, si, seica envelena a oposición con polonio, encadea os xornalistas, despreza os dereitos humanos e non rende contas a ninguén. Pero está contra a OTAN.

Non é que a OTAN teña agora a razón. É que Putin lle deu unha nova razón de ser. Víase vir. Admirado por Salvini, chufado por Le Pen. “Un ejercicio de liderazgo y una claridad más que notable”, dicía del literalmente Aznar. Con esas credenciais, non sei que dúbida pode haber con respecto ao dereito de defensa do pobo ucraíno.

Sen renunciar á paz xusta, dicía Jon Sobrino sobre a violencia guerrilleira: “Pode ser eticamente lexítima se é o único modo de acabar cunha violencia prolongada, masiva e cruel”.