América foi descuberta en 1942. A “descuberta” das lentellas plásticas – “nurdles” en inglés- é máis recente, pero non é nova. Euronews informaba un ano antes do “noso caso” que de acordo coa “Fundación sopa de plástico” (https://www.plasticsoupfoundation.org) 23.000 millóns desas lentellas rematan no medio ambiente cada ano en Europa. Outra cousa é que ese tipo de historias interesen ao público e a quen nos goberna.
A sombra do Prestige é alongada. Prendeu un pánico preelectoral. E a mestura de nervios e impericia provoca unha enxurrada de ocorrencias, quer para quitar ferro ao asunto, quer para culpar ao inimigo político.
As boliñas nadan en sacos de rafia que a marusía insiste en rebentar. Non pesan e encántalles voar co vento e surfear nos salseiros das ondas. O 14 de xaneiro con temporal do sur o presidente Rueda, pouco despois de reclamar do Estado barcos, avións e submarino, di en La Razón: “Todo lo que está llegando a la costa lo estamos recogiendo”. Tal que así: “Todo!!!!”. Debeu engadir: “perla a perla, lentella a lentella”.
A conselleira de Medio Ambiente “cualifica de dez a actuación da Xunta”. Na finde do 14 declaraba entusiasmada que detectaran por helicóptero un (1!!!) saquete, que o rescataran e que o trouxeran a terra. E que, ademais, ollo, detectaran outro nas rochas que quedou para o día seguinte.
O conselleiro do Mar optou pola creatividade. E tranquilizounos: que fixeramos coma el que non come “o aparato dixestivo dos peixes”, e que se alguén por accidente engulía algún plástico, pois nada, lei natural, “que entran por onde entran e saen por onde saen”. E ten razón. Consultados varios especialistas en “dixestivo” por este medio, conclúese que non hai perla plástica que resista un torzón da tripa.
En 2020 por primeira vez foron encontrados microplásticos nos órganos humanos e tamén en bebés. En 2022 foron detectados no sangue humano. Posiblemente de plásticos degradados no mar durante máis de cinco décadas.
Desta volta tocaba tranquilizarse, non atrapallarse. O problema é serio, enorme, global. Non é de pimpampum. O 18 de febreiro as lentellas estas seguirán sendo plásticos e non microplásticos….de momento. Como as botellas, as bolsas, os bastonciños, os filmes, os cabos e redes, …