A maiores, para a xente nova seica resulta unha mera e molesta asignatura, pois no grupo de 5 a 14 anos os monolingües en castelán supoñen o 53,67%. Henrique Monteagudo, tamén académico da Galega, é conclusivo: “agora ou nunca”, pois de seguirmos así, “nun par de décadas probablemente deixaría de haber galegofalantes menores de 15 anos …e a decadencia do galego tornaríase irreversible”.
Para tranquilizarnos, ao fío deses datos, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta publicou un artigo en “Nós”. E comeza coa mesma trécola de sempre. Cito literal: “a lingua é o maior tesouro de todos os galegos e galegas”.
Buff! De todos os argumentos a favor do galego este do “tesouro”, reiterado coma unha ladaíña en cada “conmemoración”, é o máis suicida. É autoexplicativo. Revelador. Ultimamente, cada vez que o escoito, venme á mente a imaxe dun náufrago e a dun conselleiro-rescatador que lle guinda desde o helicóptero, …non un aro salvavidas, non unha lancha de goma, non,… senón un cofre de cen quilos. Para que se agarre.
Vexamos. Un tesouro aquelado é un conxunto de ouro, moedas, xoias, pedras preciosas, …. Un tesouro quítase da vista da xente. Atesourar, é sinónimo de gardar, agochar. De feito nas variadas definicións da palabra “tesouro” está sempre presente o de ser algo “gardado ou agochado en algures”, ora na illa deserta, ora na caixa do banco, ora no museo arqueolóxico.
O tesourismo sería a gran achega das actuais autoridades autonómicas galegas á sociolingüística universal. Complementa, xunto co amabilismo, unha paciente estratexia de erradicación da lingua propia como lingua viva e normal, de uso ordinario no territorio galego. Como na “morte doce” no xogo do mus, tantiño a tantiño, deceso sen dor. Pois iso, xa que é un tesouro, no canto de usala, mírase para ela. E como somos amabilísimos, cedemos no seu uso, coa menor desculpa, para non molestar.
No museo dos tesouros lingüísticos, hai un espazo reservado, entre o arameo e o bable. Hase saber. E non é só un logro dos conselleiros -que abondo axudan, non lle quitemos mérito- senón de moita máis tropa, cada quen ao noso nivel. E non é para perder o ánimo, precisamente porque depende de nós, da tropa, da nosa vontade de ser. Os vascos non o tiñan mellor ao final da ditadura, pero quixeron seguir sendo.