Tal como está a o contexto europeo e occidental, isto vai de dúas modalidades: capitalismo desatado ou capitalismo regulado. Por exemplo, Rato, doutor Honoris Causa en 2009 pola Universidade Rei Juan Carlos -obsérvese a conexión cósmica-, tiña a primeira das modalidades perfectamente clara cando, nunha comparecencia polo de Bankia e as sonadas tarxetas black, espetou aquel inesquecible: “Saqueo? Non, isto é o mercado, amigo”. A súa imbatible capacidade de síntese non o librou de catro anos e medio por apropiación indebida. De momento.
A tarifa da luz e o mercado eléctrico van desa elección entre as dúas modalidades.
En 1997, no primeiro goberno Aznar, con Rato de vicepresidente e ministro de Economía, privatízase o mercado eléctrico. Aplícase unha Directiva europea con furia española, a furia de converter ao “Mercado” de marras no novo deus que rexe a vida da xente, incluídas as súas necesidades e dereitos máis elementais. Inventaron por exemplo aquilo do déficit de tarifa: para que non se notase no peto do votante, “obrígase” a que o prezo final no recibo fose inferior ao que se estima que era o prezo real “que habería que cobrar”. O suposto déficit acumulado ano tras ano sería compensado ás eléctricas “no futuro” con independencia dos seus beneficios de explotación. Todo ganancia, sen riscos. Xa lles gustaría aos gandeiros un prezo mínimo así.
Un dos seus obxectivos daquela Directiva europea era minimizar o custo da electricidade para os usuarios. Ben antes deste verán de 2021 xa se vía que iso non funcionaba. Os beneficios multimillonarios de Iberdrola, Endesa ou Naturgy, si funcionaban. Todo legal. Incluídos os “beneficios caídos do ceo”; os que obteñen por aplicar a enerxía limpas e baratas o sobreprezo dos gastos de emisión de CO2 e que por fin se van limitar.
Os deberes da esquerda teñen que estar feitos a tempo. Non se trata de acadar o poder senón de utilizalo para facer políticas públicas que cambien as cousas. Cousas de fondo, que teñen consecuencias concretas: o mercado eléctrico, a dispoñibilidade de vivenda, a emancipación da xente nova. Cousas tanxibles. A economía de cada día. A favor dos de abaixo. Confrontando o inevitable conflito cos de arriba. Non con slogans. Non con “relatos” ocos. Con BOE, co DOG. A tempo. Con resultados contabilizables. E, despois, explicalos.
Pedirlles empatía social aos beneficiarios do atraco legal é transmitir sensación de impotencia. É mandar a mensaxe de que, no canto de gobernar, ándase a marear a cousa con andrómenas, con trécolas e argalladas varias. Con “relato”