A xente sabida facía moita risa dos carros de súper cargados de papel hixiénico no confinamento. E con razón. Houbo moitos vídeos e memes co asunto. Recordo un duns labregos arando e botando nos regos con moito sentido rolos de papel co aquel de que a cousa prendese.
Menos chiste seica fan os carros de compra dos países ricos – airbuses e enormes camións conxeladores, supoñemos- carretando vacinas, nun esforzo por demostrar quen é o que ten a chequeira máis portentosa. Mercan vacinas segundo as súas capacidades, non conforme as súas necesidades. Contratos opacos. Farmacéuticas contentas. Ou non. O caso que cumpran.
Nada que obxectar a unha estratexia europea coordinada de vacinación e compra de vacinas, pero debería explicarse cal é o aquel de acumular vacinas, máxime cando se trata, nestas primeiras fórmulas, duns produtos delicadísimos, que precisan de ultraconxelación. Mellor sería a cantidade precisa e a celeridade máxima. O caso que só a principios de xaneiro o goberno de España demostraba músculo engadindo 30 millóns de vacinas da Pfizer-BionTech aos 20 que xa mercara anteriormente. Marcar é o fácil, o mérito está na rapidez en vacinar.
A ver, calculadora: para 47 millóns de persoas, 50 millóns de vacinas só da Pfizer. Tendo en conta que co 70% da poboación vacinada xa se produce a inmunidade de grupo, que os que pasaron a COVID teñen certa inmunidade… pois poderiamos estimar que con 40 millóns de vacinas estaría a cousa, para empezar, cuberta. Pero despois desa vacina vén a de Moderna e despois a de Janssen, e a de Oxford, e máis. A progresión parece indicar que haberá nalgúns países europeos material para eles e para apadriñar a un par de países africanos, que, oe, igual esa é a intención.
Outravolta “en mans da privada”. Mala pedagoxía para a cidadanía de Europa, xa abondo pregada en si mesma, neuroticamente insegura e con máis medos que alegrías. E mala estratexia global. Está ben cubrir a túa poboación, e unha reserva para por se acaso, pero nesta fase o máis urxente nunha pandemia mundial é que os niveis de inmunización do planeta vaian subindo de maneira harmónica, veloz, equilibrada. Unha pandemia é iso, un asunto comunitario que afecta a toda a tripulación desa nave espacial que chamamos Terra. Non abonda con vacinar os de primeira clase. Non funciona así. Por eficacia pandémica e económica, por xeoestratexia e por unha humanidade elemental.