Algo haberá que facer. Contárannos hai tempo un sucedido nunha escoliña de Galicia, na que, ilusionados e inxenuos, a nai e pai dunha nena que estreaba vida escolar comunicaron á profe de infantil: “Mire, queríamos dicirlle que a nosa nena fala galego”, ao que a profe, con pedagóxico remango, retrucou: “Ah, tranquilos que eso se le corrige en un par de semanas”. Hoxe non diría tal, por corrección política, pero pouco máis ten. Á vista dos resultados dos modelos de ensino autonómicos, resulta paradoxal que sexan as familias que queren vivir en galego – as que seguiron aquela instrución da primeira directora xeral de Política Lingüística, que dicía: “Fálalle galego”- as que ven frustradas as súas expectativas escolares no que á lingua se refire.
A cousa é dobremente seria. Primeiro porque o bilingüismo é unha riqueza inmensa, pero é contra-intuitivo: a maneira de ter fillos e fillas bilingües -e de propina, máis facilmente trilingües ou cuadrilingües- é romper coa lousa do prexuízo monolingüe no idioma dominante. E para iso teñen que vivir espazos de uso normal e ordinario da lingua minorizada, naturalizala e, así, lograr un cerebro con máis plasticidade para os idiomas. E, segundo, porque así quedaría claro que non somos unha sociedade anana mental que tira pola borda da historia o “noso tesouro” colectivo.
Partindo do dato estatístico (véxase INE) de que o modelo escolar neste momento non está a garantir a adquisición de competencias lingüísticas equivalentes en galego e castelán, nunha xornada organizada polo Consello da Cultura Galega sobre “Educación e Socialización” propúxose un modelo educativo piloto co galego como lingua vehicular. Isto é “que posibilite unha liña de ensino na que o galego teña máis presenza, que se desenvolva con carácter experimental, de modo voluntario e consensuado entre todos os axentes implicados (familias e centros)”.
Un modelo tipo ikastola, adaptado, integrado como opción no sistema, podería axudar a cambiar tendencias. Unhas escoliñas cantareiras -voluntarias, consensuadas, inmersivas, avaliables-. A fin de contas, como xa indicamos aquí, a situación actual do galego en Galicia parécese cada vez máis á situación que tiñan en Euskadi nos anos setenta do século pasado. O éuscaro avanzou, o galego, recuou.