Parolamos na Romaxe, de sobremesa, con Isaac Alonso Estraviz. É todo un luxo romaxeiro falar con xente así, sentados baixo duns carballos, contando contos diversos como aquel de que a xente de Vilaseca, en Trasmiras, cando o escoitaban volver á aldea de estudiante falando “aínda” galego, compadecíanse del e dicían algo así como “este non debeu aprender nada de nada, …mira como fala”.

Isaac é dos que enfian historias desas, da xente do país, das crenzas populares, das lendas dos lugares, da veciña da porta. Ou de como cando de novo andaba de frade se confesara seguido do pecado de falar galego, até que chegou un confesor de fóra que amosou a súa sorpresa por semellente pecado. Hai pouco que se desculpaba por teléfono coa revista Irimia por algo da subscrición, con voz miúda, porque “os que estamos na aldea xa sabedes que tal e cal”. …..

Nada doutro mundo, diredes. Pois non. Visto o que hai e o que vai habendo, isto é doutro mundo. Estraviz, sinxeleza natural, sen darse a máis mínma importancia, é un portentoso lexicógrafo, doutor dos de verdade. Tan de verdade e cos pés na terra que a súa tese foi sobre “Os falares dos concelhos de Trasmiras e Qualedro”, elevando aos seus veciños e veciñas –como os da foto- á categoría académica que se merecen. Estraviz foi paso a paso: na transición era profesor de galego no Ateneo de Madrid, logo foi profesor de secundaria en Galicia e despois profesor Titular de Didáctica da Lingua e Literatura Galegas da Universidade de Vigo. O alumnado deulle unha altísima valoración.

Nada doutro mundo? Pois si, algo estratosférico. Porque hai máis. Isaac é unha formiga prodixiosa. A el débese o Dicionário da língua galega, o inmenso “Estraviz”, nas súas dúas edicións que, evolucionado, é o maior dicionario galego na internet, feito desde a súa opción persoal e intelectual a prol dun galego reintegrado no portugués. Se tes dúbida, vas ao Estraviz, que o “oficial” só aclara o que non precisa aclaración.

Por iso e por máis a Irmandade Manuel María entregoulle este ano a “Man de Irimia” na VII festa de afirmación e da dignidade. Será porque xente así, que non precisa gabinetes de prensa, pura enxebreza, son os que pagan a pena. E coa fartura que levamos de liderados baleiros, todo propaganda, aparencia e tacticismo, os tipo Estraviz son pura menciña para recobrarmos a fe na natureza humana.