Esváese no túnel do tempo unha dereita de maneiras tranquilas, que si, defendía a economía de mercado, rebaixas fiscais e crecemento empresarial por riba de todo, pero facíao con certa educación, co sobado “sentidiño”, e cun conservadurismo que dicía apoiarse na cousa relixiosa. Unha dereita educada, que gardaba as formas. Unha parte dela soubo, mesmo, desmarcarse do franquismo e evolucionar cara á democracia liberal. Castelao, látego do caciquismo, falara ás veces dos caciques bos, proteccionistas, enchufadores, conseguidores, que vivían de crear esas servidumes persoais, pero con estilo paternal.
Pero nada é inmutable e, como escribiu Mark Twain, “a historia nunca se repite,…. pero rima”. En Alemaña, que en cousa de memoria, dereita desbocada e tolemia colectiva saben algo, están asustados. Alí teñen unha Oficina Federal para a Protección da Constitución, algo así como uns “servizos secretos para o interior”, porque o nazismo non foi algo importado, senón unha creación desde dentro, desde moi adentro. E esa oficina seica ten identificados como extremistas de dereita a 50.000 persoas, un incremento dun 23% nun ano.
O extremismo é agora de dereitas. Hai un extremismo de caricatura: van de uniforme, símbolos neonazis, falanxistas ou fascistas, cantan o “Cara al sol” ou o “Ich hatt’ einen Kameraden” (“Yo tenía un camarada”, en versión celtibérica). Berran consignas moi enxeñosas como “arriba España”, “España cristiana y no musulmana” ou “esas lecheras a la frontera”. Normalmente son odiadores precoces, cunha media de idade que ronda os 17 anos.
Pero o que non é caricatura é a versión adulta, ese corremento ao extremo, nas maneiras e nas mensaxes, da dereita tradicional, chámese Salvini, Ayuso, Feijoo, Meloni, Orban ou Trump. O quecemento climático é “histeria climática”; a inmigración que coida aos nosos vellos e paga as nosas pensións é “invasión e delincuencia”; a diversidade lingüística das nacionalidades que a Constitución recoñece, é “imposición independentista”; os 17.000 nenos e nenas palestinos masacrados son o “dereito de Israel a defenderse”; e o asasinato de mulleres polos seus homes son “disputas intrafamiliares”.
Antes dicíanse conservadores, agora son demoledores. Tocaríalle agora á esquerda conservar: conservar os ríos e as rías; conservar a convivencia acolledora; conservar a riqueza e a diversidade das linguas e culturas; conservar o dereito internacional humanitario; conservar a igualdade e o respecto. E conservar a integridade, a calma e o tempero. Non ser coma eles, nin tan sequera na batalla contra eles.
Pois iso, repitamos outra volta: a corrupción na esquerda é imperdoable.