Fálase de guerra cultural e de cambio cultural. Falemos en serio.

O verdadeiro cambio cultural é a liquidación da alteridade (dos outros/as, do común) como horizonte de realización, de felicidade, de vida. É a fin do Nós arrasado polo Eu. É un individualismo silandeiro, renarte, un “chute” de capitalismo liberal en vea, que cambia conciencias e elimina utopías comunitarias. Unha poderosa (contra)relixión: a adoración do ego; e o que veña atrás, que apande. Todo, iso si, ilustrado e branqueado nunha colosal e omnipresente autoaxuda, autorealización, autocoidado, dos novos influencers e das novas gurús.

Contamina todo. As conciencias e os mares, a educación e os acuíferos. Ten varias metáforas: a das toallitas húmidas, por exemplo, esas que nas zonas turísticas, na intimidade do W.C., do “eu-libre-sen-control”, se guindan polo inodoro abaixo, colapsan as depuradoras e provocan o envelenamento das ameixas que comen os turistas.

Contamina todo. Cando se usa a palabra “liberdade” para defender que cada quen faga o que queira en tempos de pandemia. Cando con iso se gañan votos e adhesións. Cando a “soberanía do Eu” son unhas cañas rebeldes fronte a un ben común. Cando se traslada todo iso en “principios educativos” para os “infantes” que en realidade son xa raíñas e emperadores que aplican coherentemente nas súas contornas o criterio básico da educación politicamente correcta, a que o neoliberalismo consumista necesita e prefire: “My pleasure first” (isto é: O meu antollo manda, e bosta para mundo!).

Contamina todo. Non hai tránsito sen semáforos nin democracia sen regras nin vida sen límites. Pero co cambio cultural podes declararte “constitucionalista” e poñerte perrenchudo e non aceptar, por exemplo, que a constitución di que forma goberno o que consegue maiores apoios parlamentarios. E pasas a modo Trump, cuestionando a lexitimidade de todo o que non che conveña. A nena, o meniño ben educados tamén se amolan cando perden. Ah! Pero se son, en cambio, “fillos do cambio cultural” danlle un golpe ao taboleiro do parchís, embarcan o balón catro leiras máis aló e collen unha perrencha ultra-radical que só amaina se decontado se cambian as regras para que o infante non se “frustre”. Sempre os houbo, si. Agora son norma.

Contamina todo. E se houbese espazo, veriamos a conexión co do cambio climático. Ese que se nega ou ignora mentres a economía do luxo e do desbalde funcione a todo meter.

Pois iso. Contra a cultura neoliberal, contracultura. A da sororidade, sen irmos máis lonxe.