Comezo emocionado -porque si- por Luis Aldegunde, doente de ELA, fachineiro constante na agudeza, no humor, na xenerosidade. E con el chego a Pepe Chao, xenial inventor de universos paralelos e mellores. E por eles chego a Lidia Campos, co seu traballar calado – xuntos os tres- por coidar o galego da revista, que coidando o que amas, amas o que coidas. E con Lidia, Valentina Formoso, lindo par, fiel empeño, amigable escritura. E na sala de máquinas, facendo todo posible, Rubén Rivas, o que nunca fallaba. Con Mariano Guizán, Luciano Pena, José A. Martínez, Pedro Pedrouzo e Lines Salgado, para o que cumprise. E Manolo Turnes e Belén Caballo e Ana Giménez, compañeira, casas que acollen, calor e café de redacción. Que linda amizade, viva para sempre.
Atril de honra para Alfonso Blanco, crego curador da nosa cultura, peneirando a realidade, coa mirada aguda da cegueira física. E da súa man -acariñando a súa man- vexo a Mero Iglesias, que pinga a pinga orballou securas e escorrentou pesares. E de relevo de Alfonso, Bea Cedrón, flor ventureira, peneira que te peneira, con enxeño e emoción, bonita rima, será por poesía!
A banda ten moito artista de Deus-noso-señor. Dos de pide que che dou, dos que cobran en apertas. Medalla de ouro para Marta Sopeña e Xosé Lois Vilar, antenas da Galicia solidaria. Desa mesma raza autóctona, Bernardo G.Cendán, Rubén Aramburu e Manolo Regal, curadores da ánima, axendas imposibles nas que sempre houbo tempo para nós, sen medallas, puro servizo galaico-galileo, como o da comunidade de Vangarda Obreira, … e Carme Freire retornándonos á terra que nos fai.
Lucía Santiago, Marisa de Corme, cantareiras na fiestra rebelde e feminista co equipo de Irimia en Lila. Tareixa Ledo e Christina Moreira dando boa nova para os camiños, xunto a Carme Soto e Olga Álvarez entre outras.
E unha enxurrada de colaboracións. Contrapuntos de sensatez e criterio, con Madó Domínguez e Lois Ferradás; Carme Puente -directora-; Carmela Capeáns e Agustín Bueno, sabedorías militantes. Tintxu, Carlos Vázquez e Tino de Santiago, co bisturí na actualidade; Antón Pinto, o lector contaxioso; Xan Guillén, no radar das pequenas esperanzas, Secho de la Torre no do ensino e Tere Souto no dos dereitos sociais. E Xabi Blanco sempre listo para axudar.
Pola banda pasaron solistas ilustres: Felipe Arias, Suso de Toro, Manuel Rivas, Fernández Naval, David Otero. Ah!, e o inconmensurable Vitorino P. Prieto, …que se prepare o tío Donald.
E, con perdón por tantos non citados: Grazas por tanta boa música!