No canto de tanto queixume, o galego, o idioma, precisa frescura, frescura a brincar, como a das sardiñas da ardora. No canto de acedume, a estratexia pasaría, chegado este punto -seica de non retorno, se a cousa vai de guerrear seguido- por comunicar positividade, sabor, privilexio, marabilla, marca de grupo, complicidade, simpatía, futuro. Polo menos dedicarlle tanto tempo a isto, a tecer positividade, como á liorta reivindicativa que, por máis que necesaria, pode chegar a resultar raiante e estéril.

O que faltaba era dar co estilo, co modelo e coas plataformas. Paréceme que a cousa iría polo que Esther Estévez fai no seu “Dígocho eu”. Esther, xornalista de Verín, deu coa fórmula e os lugares que fan posible toda esa frescura e complicidade, toda esa simpatía contaxiosa. Pouca xente nos corrixe -a todos e todas- tanto, e pouca xente sabe corrixir e deixar na persoa corrixida, un sorriso. A mesma Esther -que fai equipo con Carlos Amado e Rocío Pérez- resumía así os seus microvídeos: É unha aprendizaxe coa que non tes por que escachar a rir pero, polo menos, non se che fai pesada.

Os microprogramas do “Dígocho eu”, na Galega, e xaora nas redes sociais, teñen a duración exacta, xeran dopaminas e serotoninas na audiencia e teñen, como moitos profes comproban cada día co seu alumnado, unha portentosa eficacia comunicativa entre os máis novos. Algún deles fíxose viral, rebordou o ámbito galego polas redes sociais, como aquel no que explica que “zorra”, en galego, non é o mesmo ca en castelán senón que equivale ao que en inglés se di “sled”; en francés, “traîneau”; en castelán “trineo”; en portugués “trenó”. E que por iso unha “carreira de zorras” vén sendo un deporte de inverno e non un insulto a ninguén.

A cousa aí queda. Mellorar as estratexias. Demandar máis estas cousas, asociar a lingua propia do país coa serotonina, coas novas plataformas, co futuro e coa complicidade divertida do humor que nos é propio. Como a campaña recente que se fixo desde a Mesa pola Normalización Lingüística, por crear unha canle “xabarín club” na TVG. Para que os nenos e nenas galegas se vexan “expostos” a ese, disque, tremendo perigo que é a lingua galega, falada con normalidade, naturalidade e bo humor.