Un dos fenómenos de Internet é o dos blogs e páxinas web sobre comida saudable, auténtica. Por exemplo, a páxina https://realfooding.com, do nutricionista Carlos Ríos, un rapaz novo que ten a teima, moito de agradecer, de “axudarnos a comer comida real…, a escapar de matrix e a cambiar a nosa vida”. Como? Coa comida de sempre, sen ultraprocesados e precociñados industriais.

Está ben o de descubrir o Atlántico; mesmo poder vivir diso. Que vivan os descubridores do evidente! Pois seica non é tan evidente. Nin sequera para os descubertos, os que xa nadamos nese Atlántico descuberto e que sempre andamos pensando que o verdadeiro mar, o que mola, o estupendo, é o ultraprocesado, o que sae na televisión.

A historia de Galicia podería escribirse a golpe de descubertas do evidente –da grandeza e vantaxes do enxebre, do tradicional–, por xente de fóra, por técnicos de lonxe, por expertos europeos. Pasa co “maldito minifundio”, que resulta que, unha vez arrasado, era un modelo sustentable e ecolóxico, que mesmo se trata, en gran medida, de “revalorizar e recuperar”. Pasa coa pesca artesanal. Pasa coa nosa maneira ancestral de habitar e humanizar o territorio, esa maneira harmónica á que lle faltan quince anos de vida. Pasa co idioma, ese “tesouro” do que fala Feijoo un día de cada 365, para dedicarlle os outros 364 a políticas limitativas e acomplexadas… (que galego non quere piropos, quere agarimo e compromiso). Somos logo especialistas, como país, en deturpar o mellor de nós…, para despois redescubrilo e tratar de facerlle unha reanimación cardiopulmonar cando agoniza.

Tamén pasa coa maneira galega de enfrontar a produción e o consumo de alimentos. Nos servizos públicos está quedando claro que contra máis catering, distancia e industria, menos comida sa, menos comida enxebre, peor nutrición.

Teriamos que montarnos nesa onda, aproveitala. Tería que haber unha estratexia política seria. Poderiamos ser unha potencia en produción de alimentos de proximidade. E a pouco que se ordenase a cousa, que se formase a xente nova disposta a apostar por esa calidade eco-saudable, sería unha preciosa oportunidade para Galicia. Moito diso vimos no encontro de Vivimos no Rural, con Carme Freire, Figue, Dora, Manolo, Pilar, Lucía enchendo o país de experiencias, sabores e produtos para gustarnos un pouco máis, para aproveitarmos o que outros están descubrindo: iso, o que nós sabemos facer desde sempre.