Non temos boas novas. O planeta está que arde. En Irimia levamos máis de trinta anos con estas lerias. Que pesados!

Poderiamos contemporizar. “Vaia, fálanos doutras cousas, mellor non saber”. Ou “Queremos información en positivo”. Si, pero non. Como lles dicía hai un tempo Greta Thunberg aos gobernantes: “Non quero a túa esperanza. O que quero é que entres en pánico. Quero que sintas o medo que eu sinto cada día. E… que actúes. Que actúes coma se estiveses nunha crise, como se a túa casa ardese. Porque está ardendo…”.

En agosto de 2022, segundo os expertos, xa consumimos todos os recursos que corresponderían a este ano e tiramos de reservas. Ah!…, pero reducir o gasto enerxético nun 7 %, evitando ter que abrigarnos nos bares no verán ou ter que quitar o xersei no inverno, é un atentado contra a liberdade individual, contra o libre comercio e contra o sagrado principio de “Quen o pode pagar, que faga o que lle pete”.

Hai pouco, nun programa de Ansuaga, escoitamos que os neandertais (homo neanderthalensis), ese homínido extinto, pero do que levamos parte no noso código xenético, xa poñía flores nas tumbas dos seus seres queridos. E está documentado que hai medio millón de anos, en Atapuerca, na súa radical fraxilidade, aqueles pre-neandertais amparaban as persoas discapacitadas do clan: era antieconómico e arriscado, pero era humano. “Non somos búfalos” diríalle, a carón do lume, a avoa atapuerquensis á súa neta.

Os “grandes relatos” da humanidade -eses que agora caeron en desuso e desgraza- seguiron, en xeral, esa evolución antieconómica, transcendente e moral. Laicos ou relixiosos, occidentais ou orientais, dan por suposto que o ser humano é transcendente ou… non é humano. Non acabamos en nós mesmos, non somos tan importantes; non somos átomos, inconexos egos (aínda que a algún lle chega ben). Somos moito máis ca iso. Doutra maneira: somos o resultado do que outras e outros fixeron; somos os causantes do que outras e outros gozarán ou sufrirán. Un “nós” no espazo e no tempo.

O homo sapiens “era” un homo transcendens. Pero o capitalismo desbocado, o produtivismo desregulado e depredador necesita xente intranscendente: con conciencia clara de que todo nace e morre neles mesmos. E crea esa xente. Consumidores compulsivos. Suxeitos de dereitos individuais sen límites comunitarios nin planetarios. A quen lles importe nabo e medio o futuro de quen veña despois. Exemplares dunha nova subespecie: o homo non-transcendens, que, de facerse dominante, será o predecesor máis ca probable do homo extinguitur.