A indignación debería reservarse para as causas nobres. E a indignación dos bispos, aínda máis cando se achega o Nadal, para as causas evanxélicas, que é, ou debería ser, outra maneira de chamárense as causas nobres.
Indígnanse acaso os bispos polo feito de que nas grandes cidades, a pesar do que di Constitución, a pesar dos dereitos humanos, a pesar das encíclicas de Francisco, a escola privada concertada -ese totum revolutum no que están as escolas católicas xunto con empresas puras e duras amigas dos gobernos amigos- concentren os fillos e fillas “nacionais” das clases medias e altas (os hebreos de raza) e deixen en mans da pública os rapaces inmigrantes e os de baixos recursos (samaritanos e xentís)? Indígnanse por esa segregación social e racial ou están encantados con esa “opción de clase” tan dubidosamente nadaleira? (Ollo: que o Nadal acontece na periferia social).
Indígnanse polo feito de que as escolas católicas se sitúen nas cidades, normalmente no centro, e non cuestionan como nas vilas e aldeas de Galicia resulta unha risa louca iso do “dereito de elección”? (O Nadal pasa na periferia urbana)
Indígnanse polo abismo que hai entre todo iso e os “carismas fundacionais” dos Bosco, Lestonac, La Salle, Champagnat, etc… -ese fío condutor de estar cos últimos, cos excluídos da revolución industrial, cos realmente “ninguneados” por seren fillos dos ninguén-? (Os protas do Nadal non teñen sitio na pousada e xúntanse cos pastores de mala sona e tres esotéricos en camelo).
Indígnanse porque a escola católica, cando menos en Galicia, agás honorables excepcións -individuais e heroicas-, foi unha das mellores armas de desgaleguización masiva, relegando, polo xeral, o uso da lingua propia de Galicia e adaptándose de marabilla aos prexuízos lingüísticos da clientela urbana? Ou máis ben ao contrario está preocupados porque o castelán pode chegar a estar marxinado? (Está, acreditado, atención, que os pastores, Xosé e mailo burro cantaron en arameo).
De verdade que non lle ven nada de evanxélico e humanamente positivo a cousas como “garantir un reparto equilibrado e transparente do alumnado polos centros para evitar guetos”, garantir a gratuidade efectiva ou evitar segregar o alumnado en colexios de nenos e de nenas?
A quen serven? De que teñen nostalxia? Cal é o seu soño? Non lles gusta o contiño de Belén?
(Por certo, os anxos dicían “paz á xente de boa vontade” e non “paz aos que teñen partida de bautismo”).