Non teñen o que hai que ter.

Van a Bruxelas facer unha denuncia preventiva sobre a xestión dos novos fondos europeos que, como quen di, aínda non chegaron, pero non teñen as gónadas de internacionalizar o conflito das macrogranxas que seica dá tanto xogo nunhas eleccións autonómicas.

Pois iso, plantarse no europarlamento e berrarlles: o PP defende para Europa a gandería e a agricultura macro, industrial, intensiva, descomunal e apocalíptica. Máscaras fóra! Agora entramos nós! Será por tamaño! Así, sen complexos.

E cun manifesto e coas fotos adecuadas. Non vale defender as macrogranxas e despois facerse unha foto cun parruliño feliz, cunha vaca que ten nome e non número, cun porquiño ceibo farto de landras de aciñeira, ou cunhas galiñas de mos peteirando nun pasteiro.

Non. A cousa tiña que ser ao estilo Fraga en Palomares. Mollarse nun mar de isótopos radiactivos. Con estilo, con aquel bañador Meyba folgado de tallaxe. Mimetizarse no medio e medio dun exército de cochos literalmente amoreados nunha nave infinita e chantar o cartel: Que rico é o grandismo. E acto seguido rodar en directo a inauguración dun pozo de barrena á beira da macrobalsa de macroxurro e beber por barba medio litro de macroauga do acuífero que pasaba por alí -quen lle manda- facendo chin-chin polo inminente macrotriunfo electoral.

E despois a comer. Pero coherentemente, como adoitan, que hai que ser serios: acabouse o capón de Vilalba, o xamón de Jabugo e a carne da xato dos Ancares. Un macroxantar de proteína industrial, que está estupenda. E despois, nos postres, de pastelería industrial por suposto, o anuncio rompedor, o macroproxecto sorpresa, algo así: “Amigos, quen dixo que as macrogranxas expulsan a xente do lugar e non axudan a fixar poboación nas aldeas? Pois diso nada: por cada nova macrogranxa que inauguremos promoveremos, alí a carón, porta con porta, unha urbanización de elite para cargos intermedios e de medio pelo do partido”

Ah. E os da foto, expulsados do partido. Por incoherentes.