Tan vello coma a historia humana. Pero hai novidades. Dilúense as formas de entender o mundo desde as que se facía un xuízo moral negativo, ou cando menos sospeitoso, da riqueza. Pode ser que a cousa comezase co Calvinismo e aquela trécola tan conveniente para os ricos de que a riqueza material, o trunfo económico, eran a confirmación dun designio divino, a proba de pertencer á minoría elixida, predestinada. E quen non dea saído da miseria… pois por algo será. O caso que a sobreexposición da riqueza en series e redes sociais resúltanos por veces noxenta… pero só a unha vella garda na que resoan aínda aqueles relatos vellos de Epulón e Lázaro, da pobre viúva e o fariseo fachendoso, ou daquilo de “de cada quen segundo as súas posibilidades e a cada quen de acordo coas súas necesidades”… e cousas así, de época. Pero seica para en moita máis xente o que se crea no seu fondo, no seu mirrado espírito, é pura adoración pasmada, fascinación pola beautiful people, un precipicio que atrae de maneira irreprimible.
Os cartos como fin en si mesmo e como demostración. O indiscreto encanto dos magnates. A irresistible tentación de amasar, ás agachadiñas, unha fortuna nun paraíso fiscal. Ser coma eles. Os edificios e o luxo de Doha e Dubai. O deixarse querer e comprar por unha tiranía petroleira. Que estrés, mi madriña!
Pois iso, que sexas vicepresidenta do Parlamento Europeo (soldo que abraia, por certo) e que a policía belga pille o teu pai intentando zafarse de incógnito cunha bolsa na que vai un cepillo de dentes, unha muda -limpa- e 600.000€. Que te pillen a ti, a elegante, como parte dunha banda de cargos electos, asesores e asistentes, que estaban untados con petrodólares para lavar a imaxe pública de Qatar, no medio do polémico Mundial. Que saian á luz as incautacións de cartos en domicilios da banda xunto coas súas declaracións solemnes nos foros europeos a favor do modelo qatarí de relacións laborais, dos seus impresionantes avances en democracia, dereitos humanos e igualdade da muller. Como dirían os nosos vellos: que necesidade tiñas!!!
Ah, iso si, polo medio tiñan montada unha ONG que se chamaba “No Peace No Justice” (“Sen paz non hai xustiza”, o que daba unha pista: poñer a paz como condición da xustiza e non ao revés). E para máis datos, había xente da órbita socialdemócrata italiana e grega, de sindicatos etc. Vaia, vaia, a ética persoal non é patrimonio de ningunha franxa ideolóxica. Iso, tamén, é tan vello coma o mundo.