Benqueridos nadaleiros e nadaleiras.
Recibide esta cartiña de Nadal, cos pés na actualidade (e con título medio prestado dun chiste incorrecto de hai ben anos).
Nunca vos chamaron “buenistas”? (“boístas” en galego, suponse), mentres botaban un sorriso a medio camiño entre o sarcasmo e a supremacía filosófica? Por exemplo, se vos mostrades abertos ao encontro entre civilizacións, tradicións e relixións, como antídoto da guerra; se se vos ocorre dicir que se pode educar para a paz, ou, como diciamos en tempos, que “a solidariedade é a tenrura dos pobos”. Se porfiades en que hai que pagar impostos e que no servizo público predomina, con todo, a xente dedicada e honesta sobre os chupópteros. Ou simplemente se procurades o lado bo dese veciño ou desa colega da que todo o mundo pon distancia.
Nos coles e institutos había, hai, malotes. Esbardalleiros, líderes de catro máis, abusóns, leñeiros no fútbol, precoces sexuais, amigos do alleo, pequenos estafadores, iniciadores no prohibido. Despois non era para tanto. Era un xogo de rol. Pero os malotes non eran queridos. Eran temidos e, en gran medida, marxinados. Non saían delegados de curso.
Nalgún momento do noso “avance civilizatorio”, algo rompeu. Debeu ser o timón. Barco á valga. Foi aos poucos. Se cadra comezou a ser serio coa explosión de certas televisións privadas. Os reality e os faladoiros infames, dedicando horas e horas a facer espectáculo da maldade, da insolencia, da grosería, da infidelidade, da falta de empatía, do odio. A naturalizar o mal. O pequeno mal que, fura que fura, nos prepara para o Mal.
Mauro Entrialgo, ilustrador vasco, acaba de publicar, “Malismo”. E expón como, o que era antes reprobable, hoxe “vende”. Pon exemplos concretos: “Un alcalde presume de que non vai facer nada por aqueles estudantes e traballadores que non poden acceder a unha vivenda digna. Insultar a unha minoría ou opoñerse á Axenda 2030 é unha tendencia na propaganda política actual. Nos concursos televisivos acéptase a figuras de poder que humillan aos concursantes. O novo cristianismo neopentecostal que trunfa nos barrios xa non é unha relixión de amor senón de odio ao diferente. Os soldados sionistas transmitiron con orgullo probas audiovisuais dos seus propios crimes de guerra”.
Por iso reivindicamos a rebelión da sinxeleza e da festiña espontánea daquel cortello nas aforas de Belén. Un relato fundante do mellor cristianismo. A bondade como horizonte, o Deus-pequenino, o extraordinario no ordinario.
Feliz Nadal, logo, e non vos fiedes dos Herodes Antipas nin Trumptipas, nin de ninguén que esbardalle contra da tenrura, a inocencia e a compaixón, tamén política, coma maneira de estar no mundo.