Hoxe falamos de solucións virtuosas que son as que combinando dous ou máis problemas e axitando a mestura, conseguen unha resposta conxunta e positiva para todos eles. É o contrario de círculo vicioso. Matematicamente sería: necesidade 1+necesidade 2+….necesidade N= Todo Solucionado.
Poño de exemplo ao noso benquerido Manolo Vila, da Ponte de Outeiro e de Muimenta da Terra Chá, mestre da vida para tantas e tantos de nós en mil cousas, mestre de escola coa sabedoría toda daquelas fornadas inesquecibles de galeguistas xurdidas do Seminario de Mondoñedo, compañeiro de loitas e quefaceres, e unha das medallas Castelao deste 2021. Poucas houbo tan merecidas no medalleiro institucional.
Á parte da súa indispensable entrega, sostida no tempo, intelixente e cálida, en mil tarefas caladas, sempre solidarias, na movida de desenvolvemento comunitario, veciñal, cultural de Muimenta, ademais dese saber ser de esquerda poñendo o pobo por diante de calquera organización… Ademais diso todo, o mestre Vila impulsou solucións virtuosas durante décadas tamén para a comunidade xitana. Tiña unha que eu usei de exemplo en varios foros: con apoio público, a súa asociación adquiría nunha aldea unha casa semiderruída, en abandono; organizaba un taller de formación en construción para persoas xitanas consistente na súa rehabilitación; e facilitaba a esa familia o uso desa vivenda reconstruída por eles mesmos. A fórmula: casa abandonada+ parroquias despoboadas+ necesidade de formación nun oficio+ necesidade de vivenda = Eureka!
Sabendo da súa experiencia no tema este das solucións virtuosas tres-en-un, tiña pendente consultarlle unha idea que se me pasou pola cabeza no mesmo día en que o agardamos fóra do palacio de congresos, vixiados pola seguridade feixoana, detrás dunha gaita e dunha pancarta que dicía, “Grazas, Vila. O pobo”. Unha idea simple con cheiro a solución virtuosa: converter o Valle de los Caídos nun megaparque eólico.
Seguro que a Manolo, home prudente, lle parecería disparatado. Pero botaría un sorriso pícaro. Así e todo, cantos problemas non se solucionarían? Varios: ponse un megamuíño nun sitio que xa está ocupado por unha megacruz de blasfemo significado, evitando, xa que logo, o impacto paisaxístico e moral; resignifícase o lugar: enerxía verde para a paz e o futuro; evítase en parte que sexa outra vez Galicia a que pague con cicatrices no seu territorio as necesidades enerxéticas de quen vive e paga os impostos na metrópole. Tres en un, polo menos, tirando polo baixo.