Era consello de cura vello: Fai o que che eu digo. Non fagas o que eu fago.
E é cousa ben certa. Dicir, podes dicir misa, e nunca mellor dito, pero a verdadeira mensaxe está no que fas. Ou sexa, que non funcionaba. A xente acabaría facendo despois o que considerase correcto ou conveniente, pero a verdadeira mensaxe do cura do conto, a que quedaba na xente, a que mesmo servía para poñerlle nota ao propio cura, non era a do que dicía, senón a que se desprendía das súas accións.
Hoxe, para unha masa ben maioritaria, as mensaxes sobre o que se debe facer ou non veñen da xente que ten audiencia nos medios, a xente con poder, os que chegaron “arriba”. Sonche os novos curas laicos. E o conto vense repetindo.
Digamos que hai unha pedagoxía oculta na acción política: a dos feitos.
Ti e o teu partido podedes dicir cousas moi bonitas sobre a ecoloxía, o planeta, o medio ambiente, a sustentabilidade e o aforro enerxético. Pero se te metes nunha carreira de a ver quen a ten máis grande cando se trata das luces no Nadal, se te emperrenchas no de “somos os que máis iluminamos da galaxia”, o que estás transmitindo, en realidade é: gastade enerxía, e contaminade lumínica, enerxética e ambientalmente, sen complexos, cun par de gónadas. Ou, máis resumidamente: Greta, sabes? Que che dean!
Se quen ten competencia, poder de decisión fai un amago de que en Guillarei, O Carballiño, e demais estacións de tamaño menor xa non se van despachar billetes; ou que en Verín xa non se paren máis meniños… por moito que despois recúes, xa está mandada a mensaxe, xa está o mal feito. Pouco máis ten que gastes unha pasta de fondos europeos para botarlle piropos ás zonas en despoboamento. A verdadeira mensaxe está clara: en Galicia, fóra das sete cidades, non hai salvación.
E neste benquerido país do grelo temos aínda un exemplo máis evidente, case groseiro, e moitas veces xa traído aquí: xa poden os altos e altas cargas, aló polo mes de maio, falar marabillas da “xoia” , do “legado inmorredoiro” e “da fala garimosa” que temos en Galicia, se despois, cando se apaga o micro, se pasan inmediatamente á lingua que eles consideran a seria, a útil e a única que realmente lle convén aos seus fillos e fillas. A mensaxe está clara, é a dos feitos, e todo quisque a capta.