Mentres as esquerdas galeguistas se encerellaban no rollo ese da “construción do relato” (quizais porque é máis entretido que a “burocratizada” e complicada contratación pública, por exemplo), a dereita no poder neste país desde 2009 logrou instituír con oficio o seu “relato”- sen chamalo así, para que perder o tempo en trapalladas-, o efectivo e demoledor bilingüismo harmónico e plurilingüismo universal. En liña co que temos chamado aquí a axenda “Galego cero” ou “asturianización de Galicia”, proceso que avanza co apoio incondicional da prensa subvencionada. Morrer tocando a gaita sería moi de Fraga, rexionalista de máis; agora o proxecto é morrer tocando a harmónica. Coma nun “blues” de Little Walter.

Recentemente, durante a COVID esta, varios medios fixéronse eco da orixinal solución dun docente de Baralla, o radioafeccionado Lois Toirán, mestre de primaria, para fender a fenda dixital: usar walkie-talkies para ensinar a distancia, cos deberiños diarios. Bravo. A cousa vén a conto non por esa meritoria capacidade de resposta ás deficiencias da Internet en certa Galicia, senón por outra cousa. No “telediario” da primeira fixeron dúas versións. Primeiro en universal, con todos os protagonistas falando en castelán sen problema, era boa. E despois, na “desconexión regional”, as mesmas tomas falando galego.

Dá xeito ver a frescura bilingüe daqueles pícaros; parecían nenos e nenas dunha especie extinta. Nada que ver, madía leva, cando a reportaxe é noutros sitios da Galicia “plurilingüe” onde os reporteiros teñen que facer virgalladas para dar cun menor que fale galego con calidade e frescura.

Hai moito que os neurolingüistas lembran que a adquisición temperá de dúas ou máis linguas é un tesouro para o desenvolvemento cognitivo dos nenos e nenas. Pero ten que ser un bilingüismo real, non trampulleiro nin acomplexado. A única maneira de non perder ese tesouro de noso é que, cando menos, na familia se lles fale galego aos cativos, creando espazos “naturais” de vida en galego. Logo, na escola. Non hai outra. O resto non funciona. O castelán, lingua estupenda, cóllese no aire. E canto máis bilingües “de veras” son desde os cero anos, máis posibilidade terán de adquirir o portugués, o francés, o inglés ou alemán. Porque se traballan destrezas de cambio de código, de plasticidade cognitiva, de asociación mental. E de descomplexo. Xúrovolo, teño exemplos na familia.

Vaia, o 12 de xullo hai eleccións.