A política debería ter que ver coa boa pedagoxía. Cando menos, a de esquerda. Ou, xa postos, calquera política que se teña por democrática e responsable, que visto o visto xa sería gloria bendita. Xa os clásicos, como Aristóteles, daban por certo que quen goberna e lexisla é tamén o mellor educador da cidadanía. E, como adoita dicir o meu colega Pepiño Prada -e a vida mesma nos ensina-, quen pode o mellor, pode, tamén, o peor. Isto vese con especial intensidade na política local, a das “polis”, (e non nos referimos ás mulleres policías das series de Netflix, senón ás “cidades”, en grego). As teimas e prioridades dos gobernantes educan un tipo de cidadanía ou outro. O máis tentador na política local é montar a cabalo do emocional. E non hai nada tan emocional como o agravio e a vitimización. Lograda esta, a xente traga todo. O inesquecible Vázquez, surfeou o agravio de non ser A Coruña a capital do novo Reino Autonómico de Galicia. Afanouse no desagravio, cortando coa motoserra (desculpas pola analoxía transatlántica sobrevida e non buscada) as raíces galegas da súa “polis”, e convertendo a loita por un artigo determinado, femenino, singular, “La”, no tótem dunha nova identidade colectiva. En Madrid estaban tan fascinados que lle financiaban todo o financiable, coma un porto exterior para o que se levan varios quinquenios buscando unha razón de ser. A pedagoxía implícita podería ser que o desenvolvemento urbano ilimitado e dispendioso é directamente proporcional á negación da identidade e idiomas propios. Ollo!, que non é unha mala lección. Todo pode ser superado. O seu continuador sorpresa xorde no sur, “eterno rival”, disque. Mesmo partido, estratexia parella, poderosos argumentos: a Xunta non nos quere, a TVG ignóranos. E outras teimas. Superándose, neste verán xa iniciaba a iluminación megalómana do vindeiro nadal. Luz a esgalla cunha man, arboricidio na Gran Vía coa outra, para automatizala, e que se poida pasear sen andar. E motoserra -aquí si, literal- na Gran Vía, … e na Ronda de don Bosco, en Gregorio Espiño, no paseo de Samil, ….. Xusto cando en toda Europa, anticipándose aos efectos do cambio climático, se fala de renaturalizar as cidades, dunha árbore por cada 15 metros cadrados, de reconverter o asfalto en illas de verdor. Cando na olímpica París, nun plan de urbanismo bioclimático, falan de 300 hectáreas adicionais de parques, e xa “verdificaron” a vía férrea con 2000 árbores novas. Mentres todo iso pasa, Vigo lidera a competición mundial por ver quen a ten máis grande -a iluminación-, e pola tala deses molestos reguladores climáticos. Si, hai moita pedagoxía aí.