Agora ao fío do cumio do clima, hai que dicilo. Nisto do medio natural hai negacionistas de palabra e negacionistas de facto. Aos de palabra chégalles ben. Son unha tropa de medo: Trump, o primo de Rajoy, Boris Johnson, a dereita extrema emerxente e os irmáns Koch, por citar algúns. Estes últimos, ricos a fartar, magnates do petróleo, financian o negacionismo pola conta que lles ten.

Pero hai un negacionismo de feito. Ou mellor, de omisión. E o espectro é amplo. E caracterízase polo seguinte: catro slogans, “construír un relato”, propaganda e imaxe, eludir o debate serio, vestirse de verde e disimular.

Houbo recentemente un acto. Desas cousas con moi boa pinta; “Diálogos de plástico”. Promovido pola Unión de Consumidores de Galicia e presentado polo amigo Manuel Vicente, que dirixe o programa Efervesciencia da Radio Galega, con Touriñán e Jesús Gago, investigador en lixo mariño. E estaba patrocinado por Mercadona!!!, manda truco, mesmamente pola Raíña do Plástico, que é quen de plastificar o implastificable, que case te plastifican antes de pagar. Buff! Será que pensan cambiar?

Isto do clima, nos espíritos bos, leva a unha culpabilidade paralizante. Individualmente podemos facer cousiñas, pero non esquezamos que do que se trata é dun sistema montado sobre as enerxías fósiles e os derivados do petróleo. Temos que conseguir que no parlamentos se fale do lado práctico do asunto, de medidas que nos permitan vivir de acordo cunha conciencia medioambiental.

Como é posible que se suprima o tren na vertebración de Galicia? Que só se conecten de maneira decente as cidades do eixo atlántico? Que pasa co resto do territorio? Como é posible que un coche eléctrico sexa dun prezo imposible para a clase traballadora?

Como consentimos que o pequeno comercio e o mercado de proximidade -ese que nos permite mercar sen plastificar- non estea, xa digamos, bonificado, senón en transo de desaparición en favor de plastificadores como Mercadona. Como non estamos escandalizados da terra cultivable, de labradío e horta, que hai en Galicia en acelerado abandono e eucaliptización e que permitiría unha produción de alimentos de proximidade moito máis intensa, ecolóxica e sa?

Como pasamos por alto que non se fixese nada a tempo -e tempo había abondo- para deseñar alternativas ás centrais térmicas baseadas no carbón?

Culpa, a xusta e necesaria. Esixencia, toda e máis.