Unha tormenta perfecta é a que se dá nos Espazos – en principio, xeográficos-, cando hai confluencia de aires quentes nas capas baixas con aires fríos nas capas altas. Os aires confluentes son cousa delicada. Pero tiremos da imaxe do cóctel, unha combinación de elementos que mesturados e axitados nas redes sociais e medios-pouco-amigos son a bomba. Repasemos os seus ingredientes:

Un litro –ou máis, moito máis- de boas e esforzadas intencións e traballos de xente de base que aspira a algo distinto.

Unha presa de axendas agachadas ( e de “egos” portentosos). Créase un partido instrumental, ben. Pero cada parte ten un plan de seu. Axendas do alén e do aquén. Hainas de alén Pedrafita: que o tal instrumento sirva de trampolín para coller forza onde realmente importa: Madrid (cousa chunga o de Madrid, abofé). Se podemos valernos disto para asaltar os ceos, adiante! Pero tamén outras axendas de menor “nivel histórico”, axendas particulares, como salvar o cargo que merezo e o salario que nunca imaxinei, ou a fe cega en que o mundo e a historia xiran arredor miña.

200 ml de postverdade. Ábrense debates, con ruído, pero rematan nun peloteo de “argumentos ad hominen”, isto é, onde non se valora e se sopesa o que se di, na súa obxectividade, na súa verdade, senón que a veracidade ou bondade do dito, a súa aceptación, depende de quen o di. Se é unha das miñas, é correcto, intelixente e positivo. Se é das outras, é lixo e falsidade. Dicíao Chomsky esoutro día: “A xente xa non cre nos feitos”. Vívese na ilusión do “relato”. Non hai auditoría, nin feitos, nin evidencias que aturen o ataque dos “relatos” partisanos.

Un par de procesos participativos por internet. Disque impracticables. Para darlle un toque picante. Co fácil que era o da man alzada.

100ml de desculpafobia. Porque é impensable, inadmisible, pedir perdón. A auto-corrección pública, o dicir “botei a lingua a pacer; non debín ceibar tamaña arroutada, desculpádeme, rectifico,” …é incorrecto, inxenuo. O que se larga por esas boquiñas desmesuradas, “radicais”, hai que reafirmalo, subir a aposta, e cada arroutada pública é o aperitivo doutra máis grosa. Fraude, trampa, mentira, roubo, …brutal!

E no palco do circo romano, o emperador sorrí, gozando cos gladiadores; tanto desgaste fratricida, tan pouca capacidade restante para o que realmente importa.