Foi todo un símbolo. Unha combinación perfecta. O momento: na fase inaugural do mandato dun novo presidente da Xunta. O asunto: o regreso do Emérito. O medio de comunicación: a Cope. E, evidentemente, as declaracións en si de Alfonso Rueda, sinalando que a arribada de Juan Carlos I en Sanxenxo, “donde se encuentra tan cómodo y con tantos amigos” é un beneficio “ no solo para Sanxenxo, sino para Galicia, desde el punto de vista del turismo, de la afluencia y de ponernos en el mapa”.
Transición tranquila. Non se podía resumir mellor a visión feixooánica de Galicia. Un sitio acomplexado, ese córner de plastilina que hai que poñer no mapa español para favorecer o turismo masivo -o novo santo Grial- dando acollida aos cartos que cheguen nos petos de quen cadre. “Sanxenxizar la región”. E gobernar co convencemento de que a corrupción, a fraude ao fisco, os pelotazos urbanísticos, a pillería…. non pasan factura electoral, porque seica vivimos xa no despaís das revistas do corazón, na terra do “colle os cartos e corre”, no imperio do sálvame. Ese sitio no que a xente guapa, a forrada e a de sangue azul, hai que querela, acollela e desculpala sempre, sen preguntas molestas. Non por nada, senón para que o mundo saiba que Galicia existe. Pero… non abondaría xa con Fariña para poñernos no mapa? Por certo en que tipo mapa? No da Interpol?
A visión é a cuestión chave. Ten que ver cos prexuízos, complexos e feridas de cadaquén. E co sentimento e a conciencia de clase, da clase por herdanza e da clase por aspiración. A visión é mala de cambiar. Tamén a visión de país. E aí entramos todos e todas. Gobernantes e gobernados. Crer ou non crer nas posibilidades, nas potencialidades de Galicia sen renunciar á identidade e á diferenza, sen termos que ser o grande parque eléctrico de Iberdrola, nin o inmenso eucaliptal de Florentino, nin os novos Emiratos do noroeste, nin o Benidorm climaticamente fetén.
Cadrou que Rueda fixo esas declaracións o Día das Letras Galegas, da fala de noso, esa pola que resultarás sancionado se a usas para ensinar matemáticas. Cadrou cando se publicaban as conversas gravadas por un tal Villarejo que demostran máis sobre a fibra moral do seu partido que calquera teoría ou discurso sobre a ética política. Cadrou coa recente actualización do censo agrario no que se indica a desaparición en Galicia de cen mil hectáreas de superficie agrícola nas últimas dúas décadas. E así.
Un país necesita ser soñado antes de ser gobernado. Merecemos outra visión.