Vai vir o inverno. O tempo de apagar os lumes que se producen no verán.
Estamos na fartura colleiteira das mazás, acios, castañas, fabas, cogomelos, marmelo….hai que meterlle horas á conserva para cando falten.
Veñen as choivas. O tempo de evitar a seca de setembro 2023, do agosto 2024 e de todos os estíos do século por vir.
Cando baixa o ruído. Cando hai abundancia. É o tempo de gobernar a escaseza futura. É o momento de traballar “diferindo no tempo a recompensa”. É o instante de baixar do faiado a serenidade, o bo criterio, a discusión experta, as directrices dunha “gobernanza” preventiva das crises e dos desastres que van vir, que non entenden de bulos, de pim pam pum, nin de terraplanismo.
Os bos xogadores de fútbol non son aqueles que pasan o balón ao sitio no que nese instante está o compañeiro, senón que o cravan alí onde vai estar un segundo e medio despois. Ese segundo e medio que marca a diferenza entre o éxito e o desastre. Chámase capacidade de anticipación. Chámase visión da xogada.
O bo goberno xestiona a abundancia reducindo a débeda pública -para ter marxe de endebedamento cando chega a escaseza-, consolidando sistemas públicos sostibles e de calidade, facendo boa pedagoxía solidaria, isto é, tributaria.
Efectivamente foi un erro pedagóxico e de xestión pública o que fixo Zapatero suprimindo en época de abundancia –2008, antes da crise e antes das eleccións– o imposto do patrimonio, o dos ricos. Cumpría facer outra pedagoxía, trasladar outra mensaxe. Despois houbo que recuar.
Pero o despipote é que en plena crise de incertezas planetarias, colas da fame e imposible acceso á vivenda para o común dos mortais, os gobernos autonómicos do PP pelexen entre eles a ver quen baixa máis, quen suprime antes, o imposto sobre os grandes patrimonios.