Fala este número de Irimia (“Ferrados de corazón”) dunha mostra viva da actualidade e da utilidade -social, económica, ecolóxica e comunitaria-, aquí e agora, nesta terceira década do século XXI, dunha institución tan vella coma este país galego: o monte en man común.
Hai “aínda” en Galicia case 3000 comunidades de montes comunais. Trátase dunha figura xurídica que non encaixa ben nas estruturas económicas e aínda menos nas “estreituras mentais” dun capitalismo produtivista de vía estreita, ese que ve todo o que ten diante coma un obxecto de dominación, de explotación privada ou especulación mercantil. Por iso cando certos gobernantes comezan a falar de que cómpre “poñer en valor” algo, hai que acender as alarmas. Cando o que se di é “poñer en valor o monte galego”, hai que botarse á rúa cunha pancarta. Prevención? Desconfianza? Si, total. Se unha exconselleira de medio ambiente deste goberno pasou, como foi o caso, a dirixir unha empresa enerxética interesada en macroproxectos eólicos no monte galego…, pois iso, confianza…, a xusta.
Desconfianza por se nas cociñas da Xunta, no libro branco en marcha, nas posibles modificacións legais se lles ocorre, por exemplo, permitir que quen non é veciño residente poida ser comuneiro, ou se comeza a permitir en certos casos a privatización e compravenda do monte común.
Por algo a manifestación que houbo en Santiago recentemente ou a iniciativa lexislativa popular en marcha. Prevención? Desconfianza? Exactamente iso.
A propiedade do monte, que é de carácter xermánico, descansa, para pasmo de fanáticos do crecemento especulativo, sobre unha cultura do común. Son parte da vida lenta. O seu valor é a súa existencia a longo prazo, o que achegan ás parroquias e á veciñanza toda como aliados para un territorio vivo e habitable. Son un activo con futuro para unhas comunidades rurais vivas e activas. Son terras ao servizo dos veciños reais, das casas con fume; non se poden dividir, vender, embargar. Son un recurso colectivo e xestionado colectivamente.
Dicir xestión comuneira, colectiva, non significa desorganizada. Dicir que non se explota privadamente nin se especula, non quere dicir que non se aproveite. Ten que ser máis ben ao contrario, un aproveitamento diversificado, intelixente, sustentable e rendible para os comuneiros e para a sociedade.
Hai experiencias premiadas. Hai proxectos por toda Galicia creadores de futuro e merecentes de atención.