Por iso que a fe colgada do aire daquel catolicismo folclórico ou do trumpismo neo-con, é un fenómeno paranormal. Realmente aí é onde se inventou a “post-verdade”: Se os feitos contradín a túa verdade, cámbiaos ou bórraos. Unha fe cega que non quere saber nada do proceso histórico que desembocou na sentencia a morte do nazareno. Un pinchacarneiro espiritualista, un brinco para ficar suspendidos no aire, borrar dunha patada a verdade histórica, os porqués da condena, a vida real do crucificado e reinventar unha relixión sen pés na terra, comenenciuda, centrada no alén e na salvación individualista mediante normas de pureza que se incumpren en segredo.
Pero xa non hai desculpa. Porque hai estudos magníficos sobre aquel personaxe histórico ao que colgaron no monte Calvario. Sen ir máis lonxe, este ano na Escola de Espiritualidade traballamos un documentado texto de Pagola (“Jesús. Aproximación histórica”). Usa unha expresión sintética que concentra os porqués da execución: “profeta da compaixón”, isto é, de poñerse na pel dos outros. Os benpensantes e os xefes do Templo, quedan descolocados por aquel profeta “que sente coma propios o sufrimento de enfermos, a humillación dos pobres, e a soidade dos excluídos…e non poden entender a súa incrible acollida aos pecadores…: a súa mesa está aberta mesmo para os que viven fóra da Alianza sen daren sinais de arrepentimento”.
Os feitos que demandan unha profecía da compaixón, seguen aí. Non están no “Alén”, están no “Aquén”. O Alén déixase confiadamente a quen corresponde. Non é a nosa competencia. E non queremos un conflito de competencias a tan alto nivel.
O “Aquén” son esas inmigrantes a quen os novos nacional-católicos dificultan a súa regularización, as que limpan as súas casas, serven a cervexa e coidan o xardín, cobrando menos ou en negro porque son fiscalmente inexistentes e non cotizan. O “Aquén” son eses 15.000 meniños masacrados, amputados, esfameados en Gaza polos seus colegas da ultradereita israelí. E tamén son esas mulleres, nenas e nenos asasinados por unha violencia machista que seica non existe, pero mata.