Con isto da pandemia coáronse nos faladoiros das diferentes emisoras de radio mensaxes desas que chaman “mantras”. Cousas que se repiten, que seica son “de caixón”, que se dá por suposto que responden ao sentido común e á “intuición popular” -e moi probablemente tamén á “socialista”, ou en todo caso, seguro, á “intuición centralista”-.
Unha delas foi a trécola de que “a xestión da emerxencia sanitaria non debería facerse con 17 modelos distintos”, tantos como autonomías. Unha perspectiva moi madrileña, moi de centraliña das mensaxes, unha manchea de obviedades que moi axiña esqueceu as situacións que se deron no primeiro confinamento con todas as competencias recentralizadas nos novos ministerios, paseo de la Castellana, distrito de Chamartín, a tiro dun par de pedras do Santiago Bernabeu, famoso polo seu palco e as decisións que nel se toman sobre as provincias do Reino.
Daquela, por poñer un exemplo, as medidas de limitación da mobilidade eran idénticas para ir de tapas polo barrio de Tetuán que para apañar os grelos no Piornedo.
Gobernar centralizadamente unha realidade superdiversa ten esas cousas. Non hai peor cousa que dar igual trato a situacións radicalmente diferentes.
Outro “mantra” é o de Galicia como economía subsidiada, como sitio de man tendida, necesitado da caridade central.
En Galicia operan máis de 4 000 empresas que teñen a sede fiscal en Madrid. Alí pagan os seus impostos. O grupo Enel-Endesa, por exemplo, descontada xa a térmica das Pontes, sabemos pola prensa e polo INEGA que xa funciona en Galicia con 17 centrais hidroeléctricas e 8 parques eólicos. Só cos encoros xa produce uns 850 Xwh anuais. A actividade produtiva e o impacto ambiental prodúcese en Galicia, pero o imposto de sociedades, varias veces centomillonario, págase en Madrid. Por certo, velaí veñen agora os macroeólicos, cun modelo de empresa foránea similar.
A resposta á diversidade nunca pode ser máis centralismo, senón afondar nesa xestión próxima e necesariamente diversa. E axustar a realidade económica e fiscal a ese reparto territorial do poder e en xusta correspondencia cos prexuízos que ten a actividade produtiva.
A ver se vai resultar no só que non é certo que a periferia vive do centro, senón máis ben ao contrario: que o centro vive da periferia. A ver se vai resultar que a periferia se considera centro de si mesma e se arma unha bonita.