Aí atrás os auto-denominados “abogados cristianos” deron por librar outra das súa “batallas decisivas” para o futuro da civilización. Disque foi a conto dunha estampa na TVE, no ano vello. E a cousa foi por momentos collendo a traza daquelas caricaturas de Mahoma: pasarían sen pena nin gloria, pero do que se trata é do contrario, de colidir, frontalmente, brutalmente, “virilmente”. Os fundamentalismos, como dicía Pepe Chao, nacen dunha “funda mental”, impermeable ao humor e a retranca, menos aínda á sátira: “firme el ademán”, permanentemente tensos e anoxados, e coa americana con dúas tallas menos a rebentar…

Pero, ollo, xa non son un accidente, unha anécdota celtibérica e casposa de nostálxicos ao estilo Blas Piñar. Veñen curvas. Isto cada vez máis ten a traza da Alemaña de entreguerras, pero a nivel mundial. Esa hiperactividade ultra hai que enmarcala na internacional de ultradereita, a do dúo Musk-Trump, do dueto Meloni-Salvini, o pinga a pinga de tik-tok, o dálle dálle de Vox marcando o paso -da oca- a un Feijoo desencadeado, sen buceira, a tumba aberta.

Na modalidade hispánica – non así na francesa ou alemá- seguen querendo facer pé na “marca católica”. E pode que desta volta estean apuntando mal. Terían que asesorarse. Hai un antes e un despois na memoria das comunidades que forman este Estado composto: aquela imaxe dun crego anónimo bendicindo os fusilamentos que sucederon ao golpe de estado franquista, como o de Alexandre Bóveda. Esa sospeita de que cando alguén denuncia algo no nome do catolicismo ou do cristianismo e tira de bandeira, rosario e cruces, en realidade está utilizando esa artillería con outras finalidades. E a historia pode rematar en foxas comúns. Por iso é importante a memoria e por iso non lles gusta.

É moi revelador comparar as causas e litixios iniciados por estes santísimos confrades ultracatólicos cos presentados, por exemplo, por Amnistía Internacional e outras entidades de dereitos humanos. Aqueles – que se apropian dese título tan respectable, “cristianos”, sen o máis mínimo rubor- marcan paquete, poñen na axenda pública e “entreteñen” aos señores xuíces con asuntos “ultra” decisivos para a humanidade: as estampitas presuntamente ofensivas.

Non os veredes, madía leva, a carón dos menores inmigrantes amoreados e sen perspectivas; están cómodos co masacre de nenos e nenas en Gaza; non moven un dedo por unha política fiscal xusta e progresiva que asegure unha sanidade para quen non ten recursos. Teñen moi claro quen son os leprosos, as apestadas e os samaritanos dos nosos días. Xa o dicía non me lembro quen: “coidádevos dos fariseos”.