Hai tempo que facíamos algo de risa aquí co conto de que “afouteza” fora, de súpeto, a palabra máis procurada na páxina do dicionario da Real Academia Galega. “Afouteza e corazón” fora daquelas o lema adoptado polo R.C. Celta nun cambio de imaxe corporativa moi digno de mención.

Pero a cousa non queda aí. Desde o himno do centenario do Club, no que se mesturan estilos, dignifícase o galego e rexorden vigorosas as Tanxugueiras, hai toda unha estratexia ben pensada de facer da cultura, a simboloxía e a lingua xenuínas de Galicia un activo na imaxe do equipo olívico, unha marca diferencial, unha argamasa para esa complicidade entre a afección, o equipo e a festa toda que se arma en Balaídos – moito máis ca un “simple” partido de fútbol-, con esas “previas” nas quea grupos e artistas que representan a nosa cultura expresan diante das bancadas o mellor que levan dentro.

Os afectos, as emocións, a identidade vivida coma festa e ledicia: ese contacto co galego é para moitos dos rapaces e rapazas alí presentes o seu único contacto semanal coa lingua de Rosalía.

Se unha forza política quere exterminar unha lingua propia -entendido ese exterminio como a súa desaparición no día a día da vida da xente- ten que ter unha estratexia, escrita ou non escrita, pero estratexia. E un dos piares desa estratexia é vencellar e limitar esa lingua dominada -que o alumnado percibe como cousa do pasado- a unha penosa disciplina escolar, unha “maría” que mesmo se imparte na lingua dominante. Algo así como ensinar sumerio ou arameo.

Cómpre traer aquí aquelo que nos dicía Pepe Chao como ensinante do galego, cando indicaba que o seu labor non era o de ser un profe esixente para lle dar “prestixio” á materia, senón “desfacer o bloqueo afectivo que padecemos os galegos respecto ao noso idioma” e crear espazos para falalo, para gozalo, para cantalo e vivilo.

O país cambiou. As maiorías vilegas, a mocidade, non teñen oportunidade de experimentar como se podería vivir a vida en galego en Galicia. Éche o que hai, mesmamente. Coa dimisión da familia, da escola, da TVG e os seus xabaríns, das administracións e dos servizos públicos, e da peixería da esquina que xa non vende xureliños e xarda senón jurelo y caballa- e por suposto da Igrexa, válgame Dios– cómpre actualizar as contraestratexias. E a oliveira dos cen anos marca un rumbo ben interesante: a benquerenza, a complicidade, a identidade. Falta agora crear espazos para que os afectos se convertan en práctica despresurizada, agradable, normal. Unha especie de manobra de resucitación do noso benquerido e maltratado arameo.