E foi Francisco e cambioulles os marcos de sitio. E a dereita política e sociolóxica española quedou descolocada. Primeiro, en silencio desconcertado; despois, con envelenadas murmuracións, e moi logo, en aberto desafío.

Non é de estrañar. Por iso eles e elas saltaron coma un resorte cando Francisco falou da acollida e integración de inmigrantes ilegais, cando o fixo a favor dun ingreso mínimo vital para as familias sen recursos ou cando pediu perdón histórico polas barbaridades da conquista de América coa complicidade da Igrexa. Porque téñeno clarísimo: o catolicismo é seu. E o fundador do cristianismo en Galilea foi algo así como un conquistador con superpoderes, de vida vitoriosa e regalada en zonas exclusivas do club de Iates de Xerusalén (co seu pantalán privado no mar de Galilea), onde adoitaba xantar coa elite xudía do Sanedrín, a academia de hebreos ilustres e os gobernadores de César Augusto en Oriente Medio. Un home como hai que ser, muchomacho, afeccionado aos apedramentos das mulleres de mala vida, partidario de mandar os leprosos a campos de concentración, martelo de herexes samaritanos e desprezativo cos mariñeiros, artesáns e chusma currante en xeral. Un tío de dereitas dos de sempre, sen complexos nin choromicadas.

“Inaceptable”, berraron… “Maniqueo!”. “Peronista!”. “Intruso!” E, mesmo… “ciudadano Bergoglio”. Agggg! E nos ultraconciliábulos, esquecendo a Murphy e as súas leis, xurdía a pregunta: Pode a cousa ir a peor?

E entón apareceu Iolanda: E si, foi a peor.

Claro que a audiencia de Iolanda con Francisco ten abondo de escaparate! Pero que político –quitada esa dereita racista de mantilla, peineta e “morte ao mena”– non agradecería esa imaxe cun papa que aposta por unha sociedade compasiva e unha economía do ben común, que di que “un diálogo aberto, libre de prexuízos” entre cristiáns e ateos é “necesario e precioso”; que denuncia o abuso das grandes corporacións contra as maiorías populares desposuídas? E que ministra de Emprego –desde a democracia cristiá até o comunismo– non procuraría ese encontro despois da defensa que Francisco fai na Fratelli Tutti do traballo digno e humanizador?

Boas fontes que beben en fontes boas dinme que Iolanda leu e cita a encíclica papal. E algo debe resoarlle aló no fondo da súa experiencia moza naquel Ferrol obreiro militante con aqueles cregos que anticiparon coas súas vidas, multas e condenas as ideas de Francisco.

A esquerda nunca debeu deixar o cristianismo primixenio nas mans da dereita e o fascismo. Iso é o orixinal desta historia.