Case nada te deixa indiferente, pero hai unha foto que te captura para sempre: August Landmesser, operario dun estaleiro de Hamburgo, permanece de brazos cruzados nun acto de botadura no que o mesmo Hitler está presente. Unha masa humana de saúdos brazo en alto arrodean ao compañeiro August, un único disidente.
August-Landmesser-Alemaña-1936
Son actos de dignidade, de decencia, de “xa abonda”. E non saen gratis. Ás veces ignominiosamente caros. En 1937, un ano despois da foto, August Landmesser foi detido na fronteira con Dinamarca, coa súa muller Irma Eckler, de orixe xudía, embarazada, e a súa primeira filla, Ingrid. El foi condenado por “infamia racial”. Ela acabou morrendo nun campo de exterminio.
Tamén hai deses momentos nas nosas biografías. No medio desa epidemia que é a carreira de ratas polo trunfo, o aplauso e a popularidade, dos currículos inflados, dos equilibrios para non dicir “non” cando toca dicilo, do medo a diferenciarse, da “adaptación camaleónica”, do pánico á disidencia… no medio diso todo convén ter, mirando atrás, algún momento Landmesser na túa vida. Para abrazarte a el polas noites.