Foi a sobriña de Donald Trump, Mary, a que no seu libro Como a miña familia creou o home máis perigoso do mundo fai o retrato máis descarnado do seu portentoso tío. Unha vida que Mary Trump, psicóloga clínica, resume así: “A trampa como forma de vida”. Alí descríbeo como o produto dunha saga de cobizas, traizóns e tensións fratricidas. E conta trampas reais de quen considera un “narcisista sen principios”, como a do seu exame de selectividade ou como se aproveitou do alcoholismo e morte prematura, en soidade, do seu irmán maior, herdeiro do imperio Trump.

Logo foron as mentiras como forma de comunicación (20 000 trolas contabilizou o Washington Post ao longo do mandato). E polo medio os escándalos diversos, como cando o avogado de Trump recoñeceu que por 130 000 dólares comprou o silencio da actriz porno Stormy Daniels. Hai de todo. Tanto ten.

Os seus éxitos, logo, serían inexplicables sen as redes sociais e a Internet. É o heroe, o “enviado de Deus”, para unha rede da Internet escura e conspiranoica, “Q anon”, unha piradez total, que loita contra un estado mundial na sombra, que secuestra menores e goberna a terra.

É normal que fose unha muller con estudos a que desenmascarase a ruindade e a psicopatía do seu tío Donald. Aínda sería máis normal que fose unha muller negra, cousa complicada neste caso polo parentesco consanguíneo. Ollo ao dato: a Trump só o votaran en 2016 un 37% dos graduados universitarios, un 14% dos homes negros e o 0% das mulleres negras. En realidade o retrato robot do electorado de Trump foi masculino (52%), branco (54%), de máis de 65 (53%) e sen estudos superiores (60%).

Polo tanto, o de Trump, sendo preocupante, ten certa lóxica.

Máis inquitante é o da ultradereita europea, Vox incluído. Que aquí en Galicia Vox non sexa ninguén, non quita que nos procupe este nostálxico e desatado club de fans da monxa alférez e o xeneral Moscardó. Pois ben, a cousa pinta distinta ca en USA. Si, a maioría tamén son homes, pero a proporción de votantes de entre 18 a 24 anos (13,4%) máis que triplica a do PP ( 3,7%) e máis que duplica a do PSOE (6,4%).

Algo parece indicar que a chamada xeración Z, nados entre 1995 e 2010, os auténticos nativos dixitais, incapaces de ler un libro, devoradores do instante, parecen ser os novos orfos da política e da historia, branco perfecto dos manipuladores das redes sociais, que son, en demasiados casos, a súa única fonte de información e referencia intelectual e moral.

Algo habería que facer.