Seica en galego hai que dicir “coronavirus”, a denominación científica internacional, pero depende de que se fale. Se falamos doutros virus que actúan polo baixiño poderiamos con certeza dicir, entre outros, “coroavirus” e “corinavirus”. Son virus propagados pola Coroa e amizades, polo vello rei pillabán e “bon vivant” que, despois daquel accidentado safari en Botswana para cazar elefantes, en 2012, en plena crise financeira, con miles de desafiuzamentos na rúa, dicía choroso aquilo de “lo siento me he equivocado no volverá a suceder”. É o virus do clasismo aristocrático, da cobiza en negro, da insensibilidade social.

En realidade don Juan Carlos é un infatigable militante a prol da República. Lembramos algún comentarista da transición falando neses termos, dun curioso rei republicano, ou algo así. Era un xogo de palabras… daquela. Hoxe, xa non. O rei emérito traballou e traballa a prol da República máis ca ninguén. De maneira eficaz, teimuda, infatigable.

Despois daquel elefantiásico exercicio de desprestixio da Coroa, as sondaxes de opinión deron os maiores niveis de xente a favor da república. Despois veu a abdicación, e unha significativa recuperación de prestixio da institución.

Pero diríase que o rei republicano non deu nunca puntada sen fío, que a súa traxectoria é un traballado ronsel de bombas de reloxería programadas para ir estoupando cada vez que a imaxe da monarquía mellora. Como esta que agora estoupou, a historia esta das fundacións millonarias en paraísos fiscais, con contas en Suíza. Unha desas fundacións seica recibiu 100 millóns de euros de escuras comisións pola adxudicación do AVE en Arabia Saudí e desde a súa conta opaca pagáronse 60 millóns de euros a Corina Larssen, a unha conta nas Bahamas.

No instante xusto. Con 47 millóns de habitantes disciplinadamente confinados na casa e en pánico pola nova situación económica que se lles vén enriba. De novo, o momento exacto. Viva a República.

O coroavirus e o corinavirus son logo republicanos por reacción, pero ollo, poderían ter un efecto contrario se o que provoca tal falta de exemplaridade é o contaxio dun afán de ser coma eles en canto se teña oportunidade. Por iso hai que vacinarse canto antes e esta é unha boa oportunidade, cos anticorpos antiaristocráticos da solidariedade, da horizontalidade e da comunidade.