Un Estado social e democrático asegura dereitos para todas as persoas e, ademais, identifica as máis vulnerables para compensar a súa falta de oportunidades. Por iso é social, non pasota, nin sádico. A Constitución, esa que agora acaba de descubrir a Dereita para outros usos, é, para entendérmonos, unha garantía, un muro, para que ninguén, e menos ca ninguén o Poder público, abuse dos débiles.

A unha muller xubilada, dunha aldea de Abadín, cunha discapacidade severa, en cadeira de rodas, que vive soa na súa casiña adaptada, cuns ingresos deses que se din “por debaixo do limiar da pobreza”…, terá o concello que coidala para compensar no que se poida as súas desvantaxes, ou máis ben poñerlle a bota do poder enriba para que sufra un pouco máis? Haberá que tela en conta á hora de decidir no asunto das “vías e obras”, por aquilo de facilitar a accesibilidade, ou máis ben castigala e facer a súa existencia máis difícil aínda?

Os poderes e institucións dun Estado social e a xente con corazón e humanidade dentro dirían: “A ver, pois… axudala, ou cando menos, oes, non castigala”. Pero a autoridade local de Abadín fai xusto o contrario.

Pili de Abeledo é ben coñecida na provincia de Lugo, no mundo das ONG e da discapacidade, tamén na rede de persoas que chamamos Irimia. Coñecida pola súa afouteza e dignidade, por vivir a súa discapacidade como unha oportunidade para a loita compartida pola xustiza social, pola igualdade de veras, esa que se molla a favor dos que menos poder teñen e poden.

A Pili fixéronlle unha obra na estrada diante da súa casa e privárona de accesibilidade. Non pode pasar pola porta da súa propia casa. Calquera comete un fallo. Pero levamos tres anos con esta historia. Nin a rede de persoas que remitimos escritos, nin os medios, nin a Valedora do Pobo conseguiron que o concello dedique 5 000 euros para repoñer a situación anterior.

E a pregunta segue aí: por que se castiga? Por cal das súas especiais “características” un concello rural gobernado polo PP castiga alguén así? Será por ser discapacitada, porque “vale menos”, porque pinta pouco? Será por ser muller, porque non ten testosterona que a “defenda”, porque nunca a necesitou? Será, quizais, por ser pobre, non ter capital, ser economicamente irrelevante? Será pola súa bravura como demostrou dirixindo a comunidade de montes? Será porque foi nunha lista do BNG? Será por todo á vez…, “Para que aprenda”?