O que pasou en terras de Mesía semanas atrás foi un aperitivo dun Nadal xenuíno.

Alí, na casa Manteiga, que rexenta a señora Dorinda desde hai ducias e ducias de anos, fixemos festa de gratitude arredor de Gúmer, tamén coñecido como Gumersindo Ángel Campaña Ferro, crego de Visantoña desde que moitos dos alí presentes -170, mi madriña!- temos memoria.

Xuntámonos moitos pastores xunto con ese anxo tan maior e tan neno. Xente traballadora, xente labrega, mestras e músicos, currantes dunha Galicia que non acredita nos Herodes da nosa hora, de ningunha hora, de ningunha parte.

Gúmer é un símbolo da forza, do amor en acción e do compromiso coa terra e coa xente dunha xeración de cregos rurais que fixeron casa comunal, pedra a pedra, no medio da desfeita. Que decidiron ficar a carón dos de abaixo e que encarnan o mellor exemplo do mestre que predican. A del é, en particular, unha maneira de estar moi nadeleira: coidado, escoita, compaña, suxestión e boa vontade a esgalla.

Irimia agasallouno con estas palabriñas:

O home que fala baixiño

Hai xente, coma Gumer, que pasa pola vida falando baixo.
Non se venden, non se chufan, non se impoñen desde o alto.
Non latrican a berros…, suxiren, acompañan e aconsellan mainiño.
Apoian no calado, tecen fíos, obran pontes.
E, entre as alturas e as baixuras, sempre saben que escoller:
e elixen con paixón as cousas e as causas dos e das de abaixo.
As cousas e as causas das aldeas,
dos que traballan arreo,
das que aturan o peso a historia,
desta terra, deste pobo e desta fala,
e de quen soñe, desde abaixo, un mundo sen tantas diferenzas de altitude.
Porque o “abaixo”, para Gumer, non é un espazo físico,
é un lugar moral,
ideolóxico,
espiritual.
É o lugar onde el recrea o soño dun tal Suso de Nazaré,
o fillo do carpinteiro local,
empeñado -por máis incrible que pareza á vista destes últimos vinte séculos e pico-
en que o lugar do máis alto,
que chaman o Altísimo,
estaba, en realidade, nos de abaixo,
no Baixísimo.

Graciñas, Gúmer, por esa lección de vida boa.