Na movida contra o cambio climático fálase de greenwashing (que se adoita traducir como postureo verde), cando as grandes corporacións -petroleiras, enerxéticas, químicas, celulósicas, etc…- fan propaganda de si mesmas, con descaro, como se non fosen elas as grandes responsables e beneficiarias do desastre, senón pouco menos que militantes esfarrapadas da ecoloxía planetaria berrando “Altri non” e “nunca máis” na praza do Obradoiro.

A Unión Europea fixo público en 2019 o Pacto Verde europeo. Esa estratexia é como unha carta de amor á natureza, ao planeta, ao futuro das nosas fillas e netos. Precioso documento, acaído aos tempos, con compromisos e calendario para cumprilos. Neutralidade climática, economía circular, unha industria limpa, un medio ambiente máis saudable…. e o máis emocionante para quen sente os males dunha terra como a galega: a restauración da natureza.

Restáurase o que se deteriora. De maneira moi sensata inclúense as medidas desa restauración como esenciais para facer fronte á seguridade alimentaria. Recoñécese logo que hai que restaurar porque hai maneiras de producir alimentos que deterioran a base natural. Recoñécese tamén que a agro-industria arrasa coa biodiversidade e riqueza natural do solo e non é sustentable, non garante a produción de alimentos de calidade a medio e longo prazo. E vai ao concreto, como que o uso de métodos naturais para controlar pragas e a redución de fertilizantes químicos aumentan a riqueza de nutrientes no chan e melloran a saúde dos ecosistemas.

Todo iso aplicarase á agricultura europea. Perfecto. Xogo limpo, control e inspección.

Agora asinouse o pre-acordo para desregular o comercio Unión Europea (UE)-Mercosur (Brasil, Arxentina, Uruguai e Paraguai). A industria europea -comezando pola automobilística de Alemaña- necesita exportar. Coches para alá, carne e froitas e verduras para acó. Farase a costa de deixar fóra de combate o Pacto Verde? Esixiranse os mesmos requisitos de sustentabilidade ambiental? Como se fará ese control e inspección? Como se evitará que esa importación de alimentos -xa de seu, pola distancia ben pouco “verde”- favoreza esa agro-industria que deforesta, destrúe hábitats e lamina aos pequenos campesiños latinoamericanos? Como encaixa todo iso no combate contra o quecemento global e os obxectivos do Pacto Verde? Como encaixa todo isto coa famosa “soberanía alimentaria”? Non era esa unha das leccións da pandemia, o da soberanía en sectores estratéxicos da vida? Non está Europa facendo un exercicio descomunal de greenwashing?