E de súpeto vexo a Monterroso no diario británico The Guardian. O artigo de Ashifa Kassan, estaba encabezado por un contundente: “Son un exemplo para nós: unha pequena vila que dá a benvida aos refuxiados.” Con este subtítulo: “Monterroso axudou a integrarse a 120 persoas en radical contraste co enfoque da extrema dereita”.

E o dos futbolistas da Sociedade Deportiva Monterroso facendo toda unha homenaxe aos rapaces acabados de chegar, e o da foliada popular movida pola Asociación Sociocultural Falcatrueiros …. deume que cavilar. E cavilando podemos chegar á conclusión de que aí hai toda unha estratexia intelixente: emocional e práctica. Con moito fundamento.

Vexamos. Quen se embarca nunha patera ten unha ferida afectiva. Ten outras máis, pero tiremos dese fío. Os meniños con carencias afectivas graves acaban sendo adultos problemáticos, desconfían de todo e de todas as persoas, descontrolan facilmente, desenvolven con facilidade unha agresividade fóra do común, como se, cando estoupan, quixeran vingarse do universo. Aplicado ao noso caso, remitiríanos, por exemplo aos altercados de París e arredores en 2005, a punta de iceberg dun malestar infinito, herdado, dunha mala acollida, dun empacho de odio e sentimento de cidadanía de terceira.

Se tes que buscar refuxio é porque a túa matria, a túa patria, é unha maltratadora. Tes unha ferida emocional, coma un meniño nun hospicio de Dickens. Pasas a ser unha persoa esmoleira de afecto, tocada para sempre. É inimaxinable para quen non o padeceu.

Refuxiadas, inmigrantes, orfos e orfas de patrias corruptas, de ditaduras criminais, de petroestados corruptos. Van vir. Van seguir vindo. Falloulles o amor paterno, quedaron sen nada. Procuran algo de fraternidade e sororidade. É inevitable. Pero é, pode ser, unha oportunidade para as nosas sociedades envellecidas, agoniantes, egocéntricas. Que facer?

Como di The Guardian, a estratexia Monterroso é a alternativa á da estrema dereita (e á da dereita non tan estretemada). Esa estratexia imbécil e desalmada: xerar un odio preventivo contra o diferente, botar sal nas feridas, deshumanizalos, criminalizalos, mesmo con delitos que nunca cometeron pero que se lles colgan do lombo en Twitter e tick-tok.

A estratexia Monterroso, marca un camiño: “Benvida a miña terra. Dame unha aperta, acouga, e despois xa iremos mirando esas feridas que traes”.

Pois iso, un camiño, un plan sandador, e unha festiña de cando en vez.