Como ben sabedes, porque así o prometeron os que mandan na Xunta coa axuda impagable da prensa amiga, estamos rematando a lexislatura “do rural”, o ano orzamentario “do rural”, o quinquenio “do rural.” Na radio e na prensa escoitamos e lemos aquilo de “ruralízate” para que os territorios teñan xente nova disposta a vivir e procrear. Son os feixooconsellos publicitarios, un xeito de gobernar coma outro calquera.
Haberá quen diga “Vaia, vaia, pois iso de que quiten o paridoiro de Verín e que a xente nova que se ruraliza na Mezquita teña que parir a 115 quilómetros, non ten xeito”.
Nada diso. Si que ten. Deixádevos de pensamento simple. Teñen todo planificado. Cando ti vas, “Eles” xa volven.
Anticipándose aos tempos e tendencias, “Eles” observaron que os retoques fiscais, os anuncios bucólicos e as chamadas á fertilidade patriótica non abondan. Eles estudaron o asunto. E dixeron: Que é o que se leva? Como podemos ir a rachar? Que é o “último”? E tras consultar asisados asesores de tendencias, que probablemente traballen para Zara, concluíron: o que se leva son os deportes de risco, as experiencias extremas e a adrenalina desbocada. Iso… mola.
E aí vai a cousa. O de suprimir paridoiros vai na liña. A primeira nunha serie de emocións fortes que van marcar a experiencia máis brutal e excitante que alguén poida ter: vivir na aldea.
Ir na ambulancia dilatando a 170. Chegarei? Non chegarei? …Buah!!! Pero virán máis. O traslado en drons dos pícaros ás escolas e institutos da capital provincial, a supresión de sucursais bancarias e de postos da garda civil, para que as velliñas garden a paga na casa e poder vivir, así, a impagable experiencia da defensa armada contra as bandas balcánicas ou enxebres. A supresión de buses e trens -xa postos mesmo de estradas-, para retomar o transporte a cabalo e en dilixencia, sorteando e combatendo aos salteadores de camiños, osos protexidos e xabarís malcriados.
E dan no cravo. A mensaxe, clara: vivir na aldea será un emocionante xogo de aventuras, interminable, extremo, estarrecedor. O rural petado, como unha inmensa praia das catedrais, de mocidade reproducíndose sen parada mentres xoga a sobrevivir polas corredoiras, bébeda de emocións.
E xa teñen posto o slogan da campaña 2020 para esta repoboación masiva, mellorando o anterior: “Ruralízate…, se tes o que hai que ter”.