Quizais desde Madrid, Sabucedo é só parte dunha película de boa factura. Fotogramas dun western hispánico. Para ser máis precisos, dun Northwestern. E como manda o manual de estilos de tal xénero cinematográfico, latexa por baixo un inevitablemente impulso de conquista civilizatoria – “urbanizadora”, nunha posible actualización dese xénero sobre un territorio profundo e salvaxe.

Como nos recordaba hai ben pouco o profesor Cabada Castro, a “rapa” como tal é o que se realiza no curro, pero precedida da “baixa”, cando desde arriba dos montes se van conducindo as greas monte abaixo, percorrendo grandes distancias. E que “non poucas destas greas habitan xustamente na zona do Campo das Rosas, na proximidade do coñecido pico dos Aguillóns”, o emprazamento dun dos futuros parques, por máis que os animais ceibos é evidente que percorren os montes todos da redonda, agora en serio perigo de desnaturalización e civilizatoria invasión de pistas, caterpillars, subestacións, tendidos, secura de mananciais e ruído perpetuo.

Desde a Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo (a foto histórica é da súa web) non cansan de denunciar o tremendo golpe da instalación de macroeólicos neste territorio de bestas ceibas e aloitadores en nobre corpo a corpo. Comezaron hai dous anos a tramitar a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) inmaterial para a rapa. Sorprende a lentitude da tramitación dese expediente de protección, comparado coa axilidade coa que se tramitan os permisos dos muíños que, agora si, co permiso do Quixote, son xigantes.

Para nós, os indíxenas galegos, as bestas e a rapa son cultura e paisaxe emocional, patrimonio benquerido, parte de nós. A civilización son catro parques eólicos, vinte e nove muíños de 260 metros de altura, 96.6 megawatios e unhas enormes infraestruturas de evacuación cara á meseta. Os beneficiarios chámanse Green Power, Naturgy, Wind Premier e a famosa Greenalia, onde é directiva unha exconselleira de medio ambiente do goberno Feijoo.

Estivo moi ben o de Sorogoyen nos Goya, facendo súa a protesta de Sabucedo. Pero estaría mellor que fixese agora un antiwestern, tipo daquel Bailando con lobos, de Costner, adoptando o punto de vista dos colonizados, dos que habitan o territorio de sacrificio, dos que, da civilización, reciben depredación a cambio de nada. Dos indios, para entendérmonos.