Sen as urxencias da actualidade quero dedicarlle ao cura Bergoglio este loguiño nos vemos, e agradecerlle algo que non debería quedar en “irrepetible”: o xeito de comunicar; xa desde aquel “boas noites”, de marzo de 2013, que inaugurou algo distinto. Con afectos, palabras e acenos.
Houbo, si, unha linguaxe das relacións, das cordialidades preferentes: as amizades “perigosas”, “mal vistas”, incorrectas. A liberdade interior para abrirse a esa cordialidade co mundo e cos submundos. Hai 2000 anos mataron ao mestre galileo por cousas como andar, amistar e comer con pecadores, excluídas, perdedores ou xentes de malvivir. É a linguaxe da humanidade sen fronteiras, dos encontros subversivos, contra as expectativas ben-pensantes e as ditaduras fariseas. Presos, mulleres trans, teólogos castigados, ateos irredentos, persoas sen teito, e vítimas da guerra, da desigualdade planetaria ou dos abusos sexuais. Sen esquecer a súa chamada semanal a Gaza, para compartir a dor do exterminio.
Houbo palabras renovadas, re-significadas, despertadoras: periferia, descarte, fraternidade, misericordia, … e palabras inventadas desas que fan sufrir aos tradutores, pero entende a xente sinxela: balconear (ver pasar a vida desde a indiferenza dun balcón); primarear (tomar a iniciativa, saír ao encontro); ou a Igrexa como hospital de campaña e non como club cerrado dunha elite espiritual que disque cumpre as súas regras estritas en tanto non se descubra a realidade.
E houbo símbolos de enorme forza: desde a escolla dos destinos das viaxes, destinos que falan de seu, de Lampedusa a Mongolia, ata eses zapatos, aquela cruz, tanto e tan bo humor, e a simplicidade nas aparencias para ficar co esencial.
Os pescadores de Galilea e as xornaleiras de Begonte, os leprosos de Cafarnaún e os seropositivos de Cape Town, os magos de Oriente e os herdeiros da Ilustración, as prostitutas e os pastores, os publicanos e os republicanos: A xente non entende moito de doutrinas e dogmas, pero si entendía e entende esa música do esencial para a vida, esa boa nova que nos rescata.
Letra e música, palabra e símbolo, un falar esperanzado co que vibraron tamén Galeano e Mujica. Vaia tres! Agora andan buscando alguén para completar o faladoiro, a partida de mus e a cumbia porteña. Dan ganas de cruzar o gran río, unirse a esa mesa, e completar o programa coa muiñeira de San Amaro: Señor, cura, señor cura/ a doutrina non lla sei/ pídame unhas cantiguiñas/ que eu llas repenicarei.