Resulta tremendo canta enerxía e intelixencia se gasta na destrución e a morte. Pero a primavera teimuda resístese. Vida e morte, feroz combate, pascua de cada día.
A alianza occidental felicítase porque o Tribunal Penal Internacional dita unha orde de detención contra Putin por crimes de guerra. E coincidiu co 20 aniversario da invasión de Iraq por aquel cuarteto dos Açores: Barroso, o anfitrión, con Bush, Blair e Aznar.
400 000 mortos despois, todos, menos Aznar, pediron desculpas ou recoñeceron o erro: a famosa trola das armas de destrución masiva. Iso son erros! A 100 000 mortos evitables por barba. E sen o aval da ONU. Pero o Tribunal da Haya, naquela ocasión, non foi quen de procesalos. E a Putin e aos grandes Señores da Morte dálles a risa coa neutralidade dos árbitros.
Eles ao seu. E nós a sementar, coma un acto sacramental da resistencia. Millóns de mulleres (e algún home despistado) no hemisferio norte comezan agora a sementeira. Algunhas desas sementes levan xeracións nas casas. Do outono á primavera. Escollidas, preservadas, transmitidas. Coma o millo corvo, antes desprezado e agora recoñecido pola súa adaptabilidade ás condicións máis duras, polos seus “antioxidantes”, pola súa enxebreza.
Morte. Si, hai milleiros de variedades perdidas ou ameazadas pola invasión dos clons transxénicos, sementes con patente e sen resistencias fronte a cambios coma os que veñen. Feito para que eses millóns de pequenos agricultores dependan das multinacionais que privatizan a natureza. E a FAO advertindo desde hai ben anos de que máis do 75 % da alimentación mundial depende de 45 plantas e que o 75 % das variedades desas plantas se perderon ou se deixaron de usar.
E vida. Nas illas Svalbard -onde adoitaban pescar bacallao os barcos galegos- construíuse baixo o xeo un xigantesco banco mundial de sementes para garantir a futura diversidade xenética dos cultivos, en sacos, a menos 18 ºC. Sementes de todo o mundo. Polo que poida pasar. Máis dun millón de variedades. E non é o único.
Porque alguén ten que ocuparse do importante, de coidar, cultivar, alimentar, criar. Porque a vida é forte e testana, pero precisa aliadas. Porque sementar é crer.