Non é de gusto falar neste recanto de Irimia da chamada “Comunidade de Madrid”, pero toca.

Primeiro cómpre lembrar que a dita comunidade non ten sentido. É o resultado, por unha banda, daquel café para todos, deseñado para desactivar o impulso de autogoberno das nacionalidades históricas Galicia, Euskadi e Cataluña. E, pola outra, do feito de que Castela-A Mancha non quería a Madrid, polo desequilibrio interno que se lle crearía. Madrid cidade, logo, debería ser un distrito federal, un territorio capital, dependente do goberno central. E o Madrid provincia, parte de Castela. Iso sería máis coherente coa “indentidade de Madrid” que, de existir, é a dunha capital cosmopolita nutrida de culturas diversas, lugar de encontro de diferentes e capital dun estado plurinacional.

Aquela artificialidade constituída ten un custo. Cando se lexisla en temas clave para o “estado das autonomías” trátase a Madrid como unha máis. E non tal. É un disparate comparar Madrid con Galicia ou Asturias. Un xogo tramposo porque o “efecto capital” e o “efecto sede” –que non fai máis que agudizarse nas últimas décadas– tende a centralizar en Madrid gran parte de actividade económica estatal e alí “residen” os cuarteis xerais de grandes corporacións que explotan as materias primas, utilizan a man de obra e contaminan o medio ambiente galego, asturiano ou valenciano. Pero pagan os seus impostos na comunidade de Madrid.

Cando entran os conservadores como Gallardón, Aguirre, Cifuentes, Ayuso etc, no goberno de Madrid coa súa obsesión de “rebaixar” impostos, consúmase a trampa. E a trampa agora podería chamarse “paraíso fiscal de baixa intensidade”. As empresas encantadas de pagar os impostos en Madrid.

Pero todo ten un límite. Porque baixar impostos, unido a unha corrupción sistémica que está nos tribunais e nos xornais desde hai anos, leva inexorablemente a un deterioro da sanidade, unha escola dual –pública para pobres e inmigrantes, concertada e privada para os madrileños de pro– e a unha segmentación da cidade en norte acomodado e sur esfarrapado.

Tamén leva a des-gobernos de terraplanistas e trumpistas como o da señora Ayuso, que apoia que a xente de Serrano se manifeste contra o confinamento e declara agora que a culpa a teñen os inmigrantes e o seu “estilo de vida”.

O curioso é que os que son coma ela se visten agora de antisistema, como Trump e Bolsonaro. Antes os antisistema eran os descamisados de esquerda e os hippies. Agora son os terraplanistas e os antivacinas. Mi madriña.