E niso chegou Ana Pontón. Ben, si, é un dicir, pois xa levaba aí un tempiño. Digámolo doutro xeito: E niso, a pesar da TVG, a xente coñeceu, por fin, a Ana Pontón.
E esa rapaza de aldea sen complexos, estudada en Compostela, forxada nas liortas verbais do Parlamento pediu o voto de xeito transversal. Con convicción. Con naturalidade. Con sentimento. E dicía cousas coma esta: “hai moitas maneiras de sentirse galegos e todas son necesarias para poñer en marcha a Galiza que merecemos”. Dicíao, ollo, desde unha formación política que si, que fixo da defensa de Galicia a súa razón de ser, que é herdeira das irmandades da fala, da xeración Nós e do exilio galeguista, que é a expresión, con orgullo e naturalidade, dunha nación sen estado. Sen complexos. Pero que por veces, tamén, ten caído naquilo tan paranoico do “comigo ou contra min”, cando a transversalidade é xustamente o oposto: “se non estás contra min, daquela considero que estás comigo e podemos avanzar da man”.
Sen complexos, contaxiosamente, sen dogmatismos. A modo. Nesa mensaxe tan clara e esixente para quen a pronunciaba como candidata está gran parte do segredo do éxito (porque si, foi un éxito, malia a aritmética final): “incluír” na alternativa a todas e todos a quen lles doe esta Galicia grisalla, minguante, rota, metade terra de sacrificio, metade parque temático de turismo masivo. Esa na que a Ayuso lle gusta “pasear entre eucaliptos”.
Hai que seguir. É tanto o que hai que facer para reconstruír a casa, que non é o momento de discutir pola cor dos azulexos. É o tantas veces demandado espírito daquel partido galeguista, onde collían Castelao, Bóveda, Mercedes do Campo, Otero Pedrayo, e mesmo Filgueira Valverde. Despois veu Atila a descompoñelo todo.
Agora toca erguerse e seguir nesa senda: cos brazos abertos, sumando efectivos e sensibilidades. Con paciencia, a longo prazo. Seducindo a “votancia” máis cá militancia.
Si, merecemos unha Galicia máis dona de si, aberta, igualitaria e inclusiva desde o orgullo da súa identidade cultural, do patrimonio herdado, da natureza gozada e defendida, dunha industria acaída aos seus recursos e potencialidades, da súa soberanía alimentaria, territorialmente equilibrada, amable para a xente nova que a queira habitar. Pero con moita, moita pedagoxía.