Andabamos hai días por Muimenta da Terra Chá lembrando cousas ben feitas e xente cos pés na terra, con pouso, enerxía e sentido común. Nunha desas, volvendo da área de lecer que a asociación creou na beira do río, batemos coa Claudina, que ten a casa preto do Miño. E contounos, tristeira e anoxada, como días atrás, ás tres e pico da tarde, desde a soleira, tivo que aturar impotente o ataque dun lobo contra unha das súas ovellas, alí, lindando coa cortiña; visto e non visto.
Bonito caso de estudo ao fío do “anteproyecto de ley de protección y derechos de los animales” dun ministerio de esquerda que se chama de “Derechos Sociales”, pero que conta cunha “Dirección General de Derechos de los Animales”. Que dereito prevalecería? O da ovella a pastar feliz e despreocupadamente na coidadora presenza de Claudina? A do lobo a ser o que é? O de Claudina a non verse privada dun dos seus medios de vida?
Facer leis, mola. Pero facelas regulando os dereitos dos animais (art.1), mola moito máis porque, entre outras cousas, os cans non organizan manis diante do ministerio. A epidemia da urbanización masiva e persistente afasta as persoas da natureza, desnaturaliza as vidas e disque crea complexo de culpa dos “desnaturalizados” que se poñen en formato cruzada para salvar animais a esgalla. Así cando o ministerio consulta a peña urbanimalista que tan devotamente defende os gatos comunitarios que forman as colonias felinas nas traseiras dos barrios degradados, saen ideas brillantes como que os concellos terán que elaborar programas de xestión ética (art.52 e seg.) desas colonias. Nada se di das colonias de roedores e os seus dereitos. Para a próxima.
Facer os cans suxeitos de dereitos está guai, e como os túzaros deles seguen sen falar, son os urbanimalistas os que deciden. Por exemplo, dereito á castración en masa (art.32.1n e art. 33.3), longa reivindicación da especie pola que agora ouvean de gozo, …xunto cos veterinarios.
Até agora, diante dos ataques de lobos e das protestas dos gandeiros que traballan ecoloxicamente en extensivo –non na gandería intensiva industrial, búnkeres a proba de lobo– había unha solución: os mastíns. Pero agora un mastín, ese portentoso facilitador da biodiversidade, non poderá traballar antes dos 18 meses (dereito laboral contra a explotación infantil?) e, aínda máis, non poderá estar sen supervisión humana máis de 24 horas (quizais dereito á familia, pero da clásica?) . O caso é que aos 18 meses un mastín xa non aprende igual de ben por imitación e un mastín –animal de compañía segundo o texto (art.3)– ten que vivir decote co rabaño para ser eficaz.
A tauromaquia, ollo, nin tocala. E a dereita feliz con tamaño fervedoiro de ocorrencias.