Gobernar non é fácil. Había unha conselleira que só quería asinar as concesións positivas de subvención. Para as denegacións “delegaba a sinatura” en alguén de segundo ou terceiro nivel na estrutura orgánica. Resume ben a filosofía do mal gobernar, que ten certa semellanza co mal educar: só dar boas novas, só repartir carameliños electorais.
O título segundo do vixente estatuto outórgalle á comunidade autónoma a competencia en industria. A Xunta ten as competencias transferidas dende 1982: impulsar, planificar a medio e longo prazo, equilibrar o territorio e os diversos intereses e bens que hai que considerar: emprego, medio ambiente, territorio, diversificación, especialización… etc… Como é posible que se fose aprazando e mareando o asunto do emprazamento de ENCE como se se tratase dunha concesión eternamente prorrogable nunha contorna natural única? Como é posible xogar ao despiste e mirar para outro sitio cando estaba bastante claro que a prórroga por 60 anos máis de uso exclusivo de 373 524 metros cadrados de dominio público marítimo terrestre concedida polo “goberno amigo en funcións” de Rajoy era unha chapuza que non xustificaba que a pasteira tivese que estar aí, xusto aí, e non noutro sitio calquera?
Porque esa é a clave polo que a Audiencia Nacional tumba a prórroga: non se demostra, como esixe a Lei de costas, que a fábrica de pasta de papel teña que estar irremediablemente aí, en Lourizán, adornando e perfumando a ría. A xudicatura lémbralle ao goberno competente, directamente, que non fixo os deberes e, indirectamente, que o polémico emprazamento non é cousa menor nin xurdida por ensalmo a semana pasada, que os niveis de mercurio acumulados están aí, que gobernar é anticiparse e tomar decisións complicadas. E que dar malas novas, cando toca, está incluído na nómina dos que gobernan.
O que non di a sentencia, pero está na prensa, é que o Partido Popular levaba no seu programa electoral en 2009 o cambio de emprazamento da “Celulosa”. E pasaron varias lexislaturas. Nin que, falando de nóminas, do seu consello de administración forma parte -entre outros imprescindibles ex altos cargos- Isabel Tocino, que foi ministra de medio ambiente (si, si, de medio ambiente) con Aznar, o goberno que privatizou ENCE.