“Ningún dos resultados posibles acabará decontado ou a medio prazo coa agre confrontación política e os tempos convulsos que vivimos”
Para acadaren estes obxectivos, ademais das batallas culturais, do control crecente das canles informativas, das operacións militares, das guerras preventivas e mais das outras e mesmo de xenocidios teimudamente programados, a “nomenklatura cleptócrata” conta con instrumentos políticos que están a revelarse altamente eficaces. Estes son os partidos e asociacións da extrema dereita impulsadas e xenerosamente financiadas polos promotores, por unha parte. E por outra, partidos conservadores e liberais, tradicionais, debidamente contaminados polas doutrinas políticas, populistas e violentas, afíns aos principais movementos fascistas e ditatoriais do século XX, que os converten, de facto, en organizacións subordinadas de dereita extrema. En España, este papel bífido xógano, principalmente, VOX e o PP.
Ante as próximas eleccións xerais, coido que vén moi ben a consigna dos Resentidos: “Estamos en guerra pero hai que reflexionar”. Cómpre decatarse, para empezar, de que o actual mapa político español non permite maiorías absolutas de ningún partido, tal como era posible, para o PSOE ou o PP na etapa, un tanto “turnista”, do bipartidismo. Hoxe teremos que elixir, votando partidos, entre dous bloques que necesariamente conformarán gobernos de coalición: o bloque da dereita extrema e da extrema dereita, do PP e VOX, ou o bloque de centro esquerda entre o PSOE e partidos das esquerdas e das dereitas, xenuínas e convencionais, nidiamente democráticas.
Escollido o bloque, queda pensar a que partido votar. Nesta conxuntura débese ter en conta que, co sistema electoral vixente, pode moi ben suceder que un dos bloques, tendo máis votos electorais, consiga menos escanos, o que obriga a calcular o mellor posible que papeleta escoller. En fin, a cousa non é doada e, consecuentemente, é natural que, ao cabo, as conviccións de cadaquén sexan o máis determinante.
En todo caso, deberemos saber que ningún dos resultados posibles acabará decontado ou a medio prazo coa agre confrontación política e os tempos convulsos que vivimos. Pero, iso si, o grao de agresividade e incluso de violencia política, a mingua de dereitos elementais e o nivel de benestar colectivo das clases traballadoras, medias e máis modestas pode ser ben distinto, segundo se fagan co poder as dereitas extremas ou as forzas de centro esquerda. É coma se tivésemos que escoller o menor entre dous males.
Hai que reflexionar, mais tamén levalo con humor e, recorrendo ao refraneiro, escoller entre “de perdidos, ao río” ou “ben vai o carro se non cae”. Tamén poderiamos seguir o consello do de Loyola: “En tempos de desolación non facer mudanza”, que non quere dicir absterse.