Entramos neste século sen compás”, dicíanos Amin Maalouf nos primeiros anos da centuria. O mesmo Maalouf que admiraba o proceso político e social da construción da UE.

O escritor franco-libanés destacaba como os europeos, tras a catastrófica primeira metade do século XX que deixou arredor de cen millóns de mortos, conseguiron construír, na segunda metade do século, unha unidade política, económica e social no seu continente, non pola canle violenta da conquista, senón polo vieiro pacífico de acordos políticos transnacionais. Respectando a independencia e soberanía dos Estados implicados, acordouse a cesión voluntaria de soberanía para xestionaren xuntos e democraticamente unha interdependencia inevitable nun mundo “globalizado”.

Ilustración dun home quitando as estrelas da UE

Parte do desaparecido mural de Banksy realizado en contra do Brexit en Dover

A complexidade dun proceso así é, por forza, complicada e lenta. Require de institucións políticas comúns orixinais e precisa dun prolongado tempo político para desenvolvelas. Por iso a UE é, aínda, un proxecto en construción, in fieri. Non obstante, os efectos sociais, económicos, políticos e culturais acadados son xa, hoxe, extraordinarios.

De feito, malia os inevitables pasos adiante e atrás —como o brexit do Reino Unido, por exemplo— e as carencias ou deterioracións que tanto lamentamos e nos preocupan, a UE é, agora mesmo, a “rexión política” do mundo máis nitidamente democrática, con grandes posibilidades económicas, cun maior grao de benestar e protección social da cidadanía e cun desenvolvemento técnico, científico e cultural extraordinario, moi diverso e plural. E todo isto vivindo un momento de debilidade, de notable desacougo.

Efectivamente, “entramos neste novo século sen compás” e, cumprido o seu primeiro cuarto, non damos atopado o norte.

O desenvolvemento das teses neoliberais leva, necesariamente, a aplicar ideoloxías e políticas autocráticas extremas. Tras a concentración brutal do capital económico e financeiro en moi poucas mans, as oligarquías financeiras tratan de se facer con todo o poder político e institucional dos Estados e de quebrar as institucións internacionais, co obxectivo de liberárense dos controis que as institucións públicas, nacionais e internacionais, poidan exercer.

Agroma así unha nova “orde” mundial que deteriora as democracias ata facelas desaparecer; que restablece unha sorte de neocolonialismo; que utiliza a ameaza e a violencia ante os conflitos; que busca a subordinación e a represión das maiorías sociais e que impulsa réximes autocráticos e ditatoriais.

Nesta pretendida nova orde mundial, a UE perdería sempre e ata podería disolverse. É certo. Pero tamén me parece certa a incapacidade radical desta “nova orde” para, sequera, afrontar os problemas fundamentais e vitais das sociedades actuais e futuras: desde garantir o benestar mínimo das maiorías ata a supervivencia da propia especie humana, pasando por xestionar as diferenzas e a igualdade entre as persoas e a convivencia pacífica entre os pobos.

Para todo isto, o norte non está no proxecto neoliberal, que nos arrepía, senón na liña política democrática e de benestar social que aínda hoxe representa e exerce a UE. Isto é o que acabará por imporse. O que non sabemos é o que nos vai custar. A todas e a todos.