Con esta significativa expresión, descartaba a miña nai caer nunha trampa, nun engano, nunha falsa crenza ou na aceptación, como válida, dunha mentira, asumindo coma beneficio o que, en realidade, é un “maleficio”. Caer na argucia ou na artimaña, que che fai mal crendo que é un ben, é sempre cousa do demo, que por confundirte, rirá ás gargalladas polo seu triunfo, o triunfo do mal.

Coido que, en todas as relixións e mitoloxías, tan importantes son os deuses coma os demos. Por iso os poetas primeiro e, de seguido, os teólogos elaboraron fondas reflexións tanto sobre Deus coma sobrer o Diaño. A “demonoloxía” considérase unha rama da teoloxía. O que non resulta tan contraditorio, como puidese parecer, se consideramos que a definición tomista da teoloxía como “ciencia de Deus” tamen o é “das cousas divinas”; e cousa divina, e mesmo creación de Deus, é o diaño, coma principio “transcendente” de todo mal.

Coido tamén que vén a conto este “introito”, se consideramos a situación política global, que estamos a vivir con natural inquietude, preocupación e mesmo alarma.

Dende hai anos, a carón do auxe das doutrinas económicas neoliberais, foise elaborando un marco ideolóxico, ético e político que empezou por combater ou deturpar valores, criterios e principios que entendiamos como básicos: a solidariedade, a xustiza social, a igualdade, os dereitos humanos como universais, e a equidade ou o benestar social; e en política, a soberanía dos pobos, a democracia real, o multilateralismo nas relacións internacionais, unha legalidade internacional asumida, o antibelicismo ou a resolución dos conflitos pola vía do debate político e da diplomacia.

Comezouse por descualificar a bondade engadíndolle o sufixo “ismo”. Así naceu, o “buenismo”, termo de traza doutrinaria que facilita o desprestixio do ben, da empatía, da solidariedade. Algo semellante sucedeu coa palabra “woke”, que se converteu nun saco no que bater e onde meter o antirracismo, a xustiza social, o respecto á diversidade, a loita pola igualdade de xénero, a diversidade sexual ou mesmo a defensa do medioambiente. Asi, facilítase o marco cultural e político que fomenta a xenofobia, o racismo, o machismo ou a aporofobia. Marco que permite enfrontar ás clases medias e modestas coas aínda máis pobres e desposuídas, que destrúe ou deturpa as democracias desde dentro, que serve aos poderosos para xustificar a explotación e a extrema codicia. Así, chégase á tolerancia social da violencia, á impunidade do crime e á “normalización” da guerra ou do xenocidio.

Se “compramos” este arcaico e diabólico marco doutrinario e político, crendo que non vai connosco, terá o diaño de que se rir.