A Consagración Episcopal dunha muller

A Asociación de Presbíteras Católicas Romanas (ARCWP1) e a Comunidade do Home Novo de A Coruña convocáronnos a un evento pouco común entre nós: a consagración episcopal dunha muller, de Christina Moreira Vázquez.

A capela dun pazo na comarca de Santiago de Compostela, propiedade dun dos membros da Comunidade do Home Novo, acolleunos na tarde de San Xoán. Congregámonos alí persoas chegadas de Alemaña, Austria, Francia, Suíza, Estados Unidos e tamén de diferentes lugares da península como Portugal, Estremadura, Madrid, Catalunya, Castela-León, Andalucía e, por suposto, da Galiza.

“O noso estilo litúrxico é inclusivo e a nosa mesa eucarística está aberta a todas e todos. Vinde e unídevos de acordo cos vosos desexos e do modo que esteades máis cómodas. Todas e todos sodes benvidas á mesa”, apuntaba ao comezo da celebración Mary Theresa, presbítera e mestra de cerimonias que foi guiando os diferentes momentos do acto.

A bispa irlandesa-estadounidense Bridget Mary Meehan presidiu a ordenación con presenza, cunha luz persoal chea da vitalidade e espontaneidade que regalan os seus 77 anos vividos con fondura. Acompañárona Gisela Forster -bispa alemá- e Christine Mayr-Lumetzberger -bispa austríaca- para, segundo apuntaba a invitación, “transmitir a sucesión apostólica no eido da igrexa de base circular e inclusiva á que pertence, para acompañar e ordenar mulleres chamadas a servir comunidades abertas onde todas as persoas sexan benvidas”.

“Reunímonos hoxe con alegría para esta ordenación e comezamos no nome de Deus, fonte de todo ser, mundo eterno e Espírito Santo”, iniciaba a celebración a bispa Bridget Mary. E así foi: unha ordenación que mesturou ese ton solemne e cerimonioso do que está organizado con agarimo minucioso, e a un tempo un xeito de facer compartido, entrañable, alegre e espontáneo.

Estamos recollendo un fío tecido… desde os comezos

A celebración comezou coa Liturxia da Palabra na que María Teresa Ribeiro, diaconisa portuguesa afincada en Andalucia leu unha lectura do libro dos Feitos dos Apóstolos e un poema de Pere Casaldáliga. A diaconisa Loan Rocher, franco-vietnamita, leu como segunda lectura un extracto da homilía que o bispo Jacques Gaillot pronunciou na catedral de Evreux (Francia) o día da súa partida da diocese, en xaneiro de 1995. O Evanxeo escollido, proclamado pola presbítera Belén Repiso de Valladolid, foi Marcos 5, 21-43 no que Xesús cura á muller con hemorraxias e volve á vida á filla de Xairo.

A homilía da bispa Bridget Mary resultou fresca, chea de contido e de vida2: “Isto non é só unha cerimonia. É un momento de resurrección”, empezaba. “Estamos recollendo un fío tecido a través da Igrexa desde os comezos. Moito antes de que as mulleres foran excluídas do liderado da Igrexa… estaban alí Phoebe… as antigas Constitucións Didascálicas e Apostólicas que describen ás mulleres diáconos bautizando, ensinando… a epíscopa Theodora na Roma do século IV… Brigit de Kildare, unha das santas máis queridas de Irlanda, consagrada… bispa.”

E a partir desta clarificadora introdución histórica que fala das antecesoras, Bridget Mary retoma o evanxeo: “Xesús fala con tenrura “Talitha kum. Nena, érguete”. É a mesma invitación que estendemos hoxe a Christina, a todas as mulleres con dons silenciados, e a cada comunidade á que se lle dixo que non pertence.”

E máis adiante: “Esta ordenación de hoxe non é só un momento persoal para Christina… Tamén é un signo de algo máis grande que está sucedendo na Igrexa. Na Asociación de Mulleres Sacerdotes Católicas Romanas, estamos construíndo algo novo ou, tal vez, algo antigo feito novo de novo. Unha Igrexa que se parece a Xesús: inclusiva, acolledora, non xerárquica, guiada polo Espírito. Vivimos o soño do Papa Francisco dunha Igrexa Sinodal… En palabras do Papa León XIV… construamos unha Igrexa fundada no amor de Deus, signo de unidade, unha Igrexa misioneira que abre os seus brazos ao mundo…”

A homilía foi compartida e Christina rematouna facendo referencia aos devanceiros nos que se inspira: Prisciliano, Jacques Gaillot, Óscar Romero, Pere Casaldáliga e Exeria, da que falou como nai da Igrexa galega. “Non podemos esquecer de onde vimos” engadiu coa forza que a caracteriza. “Irmás, erguédevos! E tamén vós, irmáns!”, concluía.

E comezaba así o rito de consagración episcopal coa presentación da bispa electa realizada por Victorino Pérez Prieto -seu marido e tamén cura- e da súa filla Myriam, en representación de toda a Igrexa para dar testemuña da chamada de Christina a servir como bispa.

Pasamos despois á exame da bispa electa, un antigo costume da Igrexa que decreta que sexa preguntada sobre a súa determinación ante o pobo.

Seguiu a consagración episcopal coa prostración de Christina nunha simbólica alfombra violeta, un acto de entrega amorosa a Deus que foi acompañado pola Letanía dos Santos e Santas.

E así chegamos á imposición das mans, un dos momentos máis sagrados do rito da consagración: primeiro foron as bispas quen impuxeron as mans sobre a cabeza de Christina e a continuación fomos invitadas a facelo o resto das persoas que participabamos na celebración. Un silencio reverente encheu a capela, tan só acompañado pola música suave dunha frauta.

En representación do pobo de Deus, dúas mulleres da asemblea pasaron a soster un Evanxeliario cerimonial aberto sobre a cabeza de Christina mentres a bispa Bridget Mary rezaba en voz alta a Pregaria de Consagración, invitando ás persoas presentes a estender as súas mans cara a Christina como xesto de invocación ao Espírito Santo.

Despois pasamos á Unción co crisma, símbolo da unción mística e das bendicións espirituais que Deus lle regala a Christina, e a bispa Bridget Mary pasou a entregarlle o Evanxeliario cerimonial. Seguiron a entrega do anel, selo da fidelidade, e a entrega da Cruz da Serva, recordatorio da chamada a seguir a Xesús.

E finalmente a investidura co Caxato de Pastora, símbolo do compromiso co papel de bispa na comunidade e que a mesma Christina pediu que chegara a ela desde o fondo da capela pasando de man en man por toda a asemblea.

A xa bispa consagrada Christina Moreira Vázquez e as tres bispas ordeantes déronse as mans: “É con grande gozo que vos presentamos á nosa recen ordenada bispa!” lanzou con entusiasmo a bispa Bridget Mary e todas aplaudimos con fervor alegrándonos polo aí acontecido.

Continuou a celebración coa Liturxia da Palabra. A pregaria eucarística foi compartida entre as bispas Bridget Mary, Gisela, Christine e Christina, e Victorino. E seguiu o Noso Pai/Nai, e un momento da paz efusivo con apertas entrañables entre todas as persoas da asemblea. A comuñón e a bendición final pecharon a celebración.

O fermoso son da frauta e do pandeiro, así como a guitarra animaron os diferentes momentos da celebración, con cantos guiados por Victorino. A interpretación simultánea a través duns auriculares á nosa disposición favoreceu a participación de todas e todos nun evento que foi mesturando diversos idiomas: español, inglés, francés e galego.

Fomos testemuña desta consagración máis de 100 persoas, algunhas próximas a Christina por amizade ou veciñanza, outras por militancia en organizacións nas que participa ou coas que ten afinidade ou contacto: a asociación Irimia, a asociación Mulleres Cristiás Galegas Exeria, a comunidade de Vangarda Obreira de A Coruña, xente da parroquia do Cristo da Victoria de Vigo, a asociación Roxín Roxal, o Movemento polo Celibato Opcional (MOCEOP), La Revuelta de la Mujeres en la Iglesia de Extremadura, Andalucía e Madrid, a Communión Béthanie e Carefour des Chrétiens Inclusifs (ambas francesas) e a Comunidad Ichthys Cristianxs lgtbh de Sevilla. Tamén estiveron presentes diferentes medios de comunicación de televisión e prensa3.

A todas nós agradeceu Christina a presenza e compaña. E xa como remate da ordenación, invitounos a compartir merenda co que trouxeramos cadaquén.

A beleza do entorno, a sobriedade da capela e o encanto do pazo favoreceron esta magnífica celebración que, como non, rematou cunha gran foto de familia.

Tareixa e Maite impuxeron o evanxeo en rito de obediencia ao mesmo

Tareixa e Maite impuxeron o evanxeo en rito de obediencia ao mesmo

Pero quen é Christina Moreira Vázquez e por que decidiu dar o paso á consagración como bispa?

Nada en París no ano 1964 de nai e pai galegos, e criada en Francia, Christina leva afincada máis de 40 anos na Galiza e reivindica para si ambas nacionalidades. Casada con Victorino -para a xente amiga Tori- e nai de Myriam, ata o pasado ano era a única muller presbítera da península, acompañada agora pola valisoletana Belén Repiso, ordenada presbítera en Roma en outubro do 2024.

A vocación de Christina xorde á idade dos 17 anos, nunha fermosa experiencia espiritual na que escoita ao Xesús da Última Cea invitándoa a facer coma El, partir o Pan e ofrecer o Viño: “Facede isto en memoria de min”. Esta chamada inicial interroga a Christina; ben sabe que é un lugar prohibido para ela, muller. Aínda así, inicia un camiño cheo de dúbidas persoais e de críticas e postas en cuestión por parte de xente próxima da Igrexa verbo da autenticidade da súa vocación. Son anos de proceso en solitario na que varios curas lle aconsellan calar, manter en silencio a súa vocación por estar prohibida no Dereito Canónico.

Pero Christina non se rende e no ano 2010 toma contacto coa Asociación de Presbíteras Católicas Romanas (ARCWP), unha organización que avoga pola ordenación na Igrexa de mulleres cisxénero, transxénero e persoas homosexuais, e traballa en prol de comunidades católicas inclusivas. A asociación conta actualmente con máis de 300 persoas de varios continentes, das cales varias presbíteras son europeas e unha nada menos era galega, Christina. Iniciárase en xuño do 2002 coa ordenación de sete mulleres nun barco sobre o río Danubio: Iris Muller, Ida Raming, Pia Bruner, Dagmar Celeste, Adelinde Roitlinger, Gisela Forster e Christine Mayr-Lumetzberger. Ordenadas por tres bispos católicos, foron excomungadas polo Vaticano uns meses despois. O 20 de outubro dese mesmo ano, Christine Mayr-Lumetzberger e Gisela Forster foron ordenadas bispas por un bispo católico que permaneceu no anonimato por razóns de seguridade.

No ano 2015, e despois dun longo proceso de formación e discernimento vocacional, Christina dá o paso e recibe a ordenación como diaconisa no seo da Comunidade do Home Novo de A Coruña, comunidade cristiá fundada nos anos 70 e na que participa activamente desde hai anos. E fiel á chamada recibida, ordénase presbítera en Florida (EEEU), momento en que vivía e animaba comunidades indíxenas en Bogotá (Colombia). Foi a bispa Bridget Mary Meehan quen a ordenou seguindo a liñaxe apostólica e continuando o camiño das sete fundadoras, chamadas polos medios de comunicación “as sete do Danubio”. E foi na Comunidade do Home Novo onde Christina serviu e celebrou a Eucaristía semanalmente todos estes anos. Recibir agora a Orde Episcopal foi un paso máis neste camiño de servizo comunitario e inclusivo.

Nestes cerca de 30 anos de amizade foron moitos os momentos compartidos e tamén as horas de conversa con Christina expresando experiencias, buscas, feridas e dores de toda unha vida, desexos fondos, proxectos cara a ir facendo realidade a chamada vocacional inicial. Non me cabe a menor dúbida de que o Santo Espírito está a falar a través da vocación de Christina, unha vocación coidadosamente discernida e fortemente purificada polas críticas desde diversos estamentos da igrexa.

A nosa amada Ruah precisa ás veces de mulleres valentes que dean pasos ousados, e Christina é valente e ousada, decidida. Combina unha mente analítica, unha intelixencia traballada de palabra clara e contundente, cunha intuición aberta e sensitiva de corazón apaixoado, coidando atentamente todos estes anos a beleza do seu mundo interno á par que a do seu corpo físico. Graduada en teoloxía pola universidade francesa de Teoloxía Católica de Estrasburgo e agora investigadora de Postgrao nesa facultade, Christina é parte do equipo coordinador da asociación Irimia, participa na asociación Mulleres Cristiás Galegas Exeria e traballa activamente en Som Cristians (proxecto de igrexa doméstica e comunidade virtual) e na asociación francesa “Toutes apôtres !” para a igualdade das mulleres nas comunidades e institucións relixiosas, así como no “Comité de la jupe”, agora “Magdala” para “defender a causa das mulleres e militar por una Igrexa aberta e inclusiva”. Amiga e colaboradora do bispo francés agora falecido Jacques Gaillot, coñecido como bispo de Partenia, a “diocese sen fronteiras”, tamén ofrece como voluntaria o seu traballo de tradutora profesional na organización internacional ATD Cuarto mundo, que ten como horizonte a erradicación da pobreza extrema. Ademais leva anos achegando informacións a través da súa páxina lashomiliasdeluz.wordpress.com

Christina é unha muller lúcida e comprometida que está facendo realidade un dos lemas que definen A Revolta das Mulleres na Igrexa, rede de mulleres cristiás feministas que se iniciou no ano 2020 no marco das xornadas feministas do 8 de marzo: “Ata que a igualdade sexa costume na Igrexa.” Recordemos que unha das liñas de reivindicación do seu Manifesto ten que ver precisamente con todo isto: “Abonda xa que se nos negue o sacerdocio debido ao noso corpo, un corpo que sempre está baixo sospeita”.

Ben sabemos que administrar o Sacramento da Orde a mulleres ou recibilo non está permitido nestes momentos na Igrexa Católica e mesmo está severamente castigado coa excomuñón. Pero Christina e o resto de compañeiras da Asociaciación de Presbíteras Católicas, con consciencia clara desde a súa obediencia ao Espírito, están cuestionando unha estrutura eclesial xerárquica heteropatriarcal que nega ás mulleres o acceso á Orde sacerdotal. Elas están poñendo luz na incoherencia e na crise profunda dunha estrutura clerical que pouco ten que ver coa consciencia moderna do século XXI e menos aínda coa proposta dun Xesús que acollía e amaba ás mulleres mesmo en contra dos ditados da sociedade xudía do seu tempo.

Á Igrexa institucional tócalle dar pasos

E este é o valor destas mulleres: amosar coa súa práctica diaria un modelo de igrexa circular e inclusiva na que exercer os ministerios dun xeito comunitario. Un modelo que busca transformar a relación de poder actual na que é a definición xenital (pene ou vulva) a que marca incomprensiblemente o acceso á Orde Ministerial e non o corazón e o espírito de servizo comunitariamente discernidos.

Evidentemente, un camiño con tanta carga transgresora desencáixanos, provócanos confusión, xéranos medos diversos ao poñer en crise crenzas e obediencias institucionais establecidas. É esperable e tócanos a cadaquén ver en que nos interpela, a que nos abre, como colocarnos ante estes camiños.

Quizabes pode axudarnos recordar que as igrexas cristiás protestantes veñen ordenando mulleres desde hai décadas. Así, a Igrexa de Dinamarca que se converteu no primeiro organismo luterano en ordenar mulleres en 1948 (hai xa 77 anos!) e as Igrexas luteranas de EEUU e Canadá que ordenan mulleres desde 1970.

Quizabes pode axudarnos lembrar a Ludmila Javorová, nacida no ano 1938 e aínda viva. Esta beneditina foi a primeira muller ordenada no sacerdocio por un bispo católico e exerceu o seu ministerio en Checoslovaquia nun contexto comunista de persecución grave . Aínda que o Papa Xoán Paulo II non chegou a referendar a súa ordenación e exercicio de cura cando xa se normalizou a situación interna do país como o fixo con outros compañeiros homes ordenados con ela, as comunidades católicas ás que serviu si a recoñeceron amplamente.

Quizabes pode axudarnos saber que o Papa Francisco ten recibido a bispas episcopalianas, anglicanas e luteranas nestes últimos anos aínda que nunca o fixo coas mulleres ordenadas da Asociación de Presbíteras Católicas Romanas que lle pediron audiencia en numerosas ocasións.

As mulleres non precisamos ser perfectas nin no servizo nin no amor nin na nosa vida para ser curas, como tampouco o precisan os presbíteros homes. Simplemente temos dereito a iso polo feito de sermos irmás de Cristo e Fillas Benqueridas do Deus Misericordioso. Á Igrexa institucional tócalle ir dando os pasos e a nós tomar o que é noso por dereito de nacemento.

E iso é o que fixo Christina con autenticidade e sinxeleza, neste día de San Xoán ante todas nós. En palabras da bispa Bridget Mary, rogamos ao noso Deus amoroso que lle conceda á bispa Christina Moreira Vázquez graza e bendición en abundancia para que sexa eficiente no seu traballo e persevere na oración, desenvolvendo o seu ministerio con compaixón e preocupación por todos e todas. Que sexa fiel ao servizo da comunidade vivindo con xustiza, amando con tenrura e camiñando con integridade.

Amén. Que así sexa.

1– Páxina Web arcwp.org
3 – Véxase, por exemplo a portada do xornal Nós e o magnífico artigo, o día seguinte á Consagración Episcopal:
A súa vida está recollida no libro “Desde lo hondo. La historia de una mujer católica ordenada sacerdote bajo el comunismo”, de Miriam Thérèse Winter

Tareixa Ledo Regal.

Tareixa Ledo Regal é licenciada en Ciencias Sociais e Políticas pola universidade de Deusto (Euskadi). É unha das promotoras da asociación Mulleres Cristiás Galegas Exeria e socia de Irimia. Desde hai uns quince anos desenvolve a súa actividade profesional e o seu compromiso espiritual acompañando procesos individuais e grupais desde a Terapia de Reencontro.